A UNED de Lugo celebra o Día da Muller e a Nena na Ciencia con varias actividades

Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11 de febreiro), a UNED de Lugo ten preparadas varias actividades de interese científico e cultural protagonizadas por mulleres:

  • A publicación dunha peza audiovisual que conta co testemuño da catedrática de Química inorgánica María Isabel Fernández García, membro do grupo CienciaNOSA e autora do libro “Pioneiras de Ciencias en Lugo”. Unha obra froito de anos de investigación a través de distintas fontes documentais e entrevistas a familiares e coñecidos destas pioneiras. Con ela, a autora pretende dar unha visión da presenza da muller na universidade, e máis concretamente nas consideradas de ciencias, mostrar o desenvolvemento da súa actividade profesional, e que así sexa coñecida o seu labor e valorada como se merece.
  • A conferencia “Unha Muller na ESA”, onde a enxeñeira do Grove, Estela Prol Padín, actualmente, controladora de proxectos na Axencia Espacial Europea (ESA), fará un repaso da súa carreira profesional e a súa experiencia na Axencia Europea. A conferencia, que será gratuíta, terá lugar o luns 21 de febreiro, ás 18:00 horas e poderá seguirse online en directo e diferido.

https://extension.uned.es/actividad/26300&codigo=UMELE

As actividades programadas enmárcanse no proxecto #PlanetaODS 2.0, Iniciativa galardoada cun premio nacional do observatorio ODS da UNED, cuxo obxectivo é divulgar efemérides socioambientais ligadas á Axenda 2030. A finalidade de #PlanetaODS 2.0, é a de concienciar da importancia de vivir dun modo máis sustentable, reforzando o compromiso das administracións e da cidadanía para alcanzar o dezasete grandes Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) que contribúen a preservar o planeta e facer posible unha vida digna para todo o mundo.