ADEGA aborda o estado ecolóxico dos ríos da provincia lucense na UNED de Lugo

O vindeiro mércores 4 de decembro, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) impartirá unha charla titulada “O estado ecolóxico dos ríos de Lugo”. Este evento, que se celebrará no salón de actos do Centro Asociado da UNED en Lugo, contará coa participación do biólogo Roi Cuba e a enxeñeira ambiental Lucía A. Anido.

A actividade enmárcase dentro do proxecto #LugoNaturalMente, reforzando a aposta de ADEGA por pór en valor o patrimonio natural do territorio lucense. Ademais, subliña a importancia de xerar sinerxías con entidades comprometidas coa conservación deste patrimonio, destacando nesta ocasión o papel crucial dos ríos en contextos crave como a mitigación de inundacións e a súa influencia no equilibrio ambiental.

Durante a charla, os relatores presentarán os resultados do Proxecto Ríos, unha iniciativa de ciencia cidadá que, desde fai máis de dez anos, analiza a saúde ecolóxica dos ecosistemas fluviais en Galicia. Particularmente, exporanse as problemáticas ambientais que afectan os ríos da provincia, como a contaminación, a alteración de hábitats e o impacto do cambio climático, tomando como exemplo o rego de Segade.

O evento ten como obxectivo fomentar a reflexión sobre a importancia de preservar estes ecosistemas, fundamentais para a biodiversidade e o benestar humano, ademais de promover accións concretas para a súa protección.

A charla é gratuíta e poderase seguir tanto de forma presencial como virtual. Para máis información e inscricións, pódese consultar o sitio web de Extensión Universitaria da UNED Lugo na seguinte ligazón.