UNED Lugo e a Asociación Española Contra o Cancro xuntas na loita contra a enfermidade
María Luz Abella García, presidenta da Xunta Provincial de Lugo da Asociación Española Contra o Cancro, e Ana Belén Traseira Pena, directora do Centro Asociado UNED en Lugo, veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha de diversos proxectos relacionados coa loita contra o cancro.
A firma, que levou a cabo na nova Sede da Asociación en Lugo, situada en Carril dos Loureiros, 17, foi precedida por unha visita guiada polas súas instalacións e unha breve presentación cos seus profesionais e os servizos gratuítos que ofrecen.
Enlace ao vídeo coa sinatura do convenio
A UNED de Lugo únese, así, ao proxecto “Mi Reto Contra el Cáncer” de recadación de fondos para a mellora da calidade de vida dos pacientes oncolóxicos, e pon ao servizo da Asociación as súas instalacións para a celebración de charlas e conferencias sobre a enfermidade, a difusión de campañas de prevención e a celebración de actividades encamiñadas a informar e formar sobre o cancro.
Este acordo afianza a relación entre as dúas entidades e a súa visión común, consolidando o seu compromiso cos obxectivos integrados na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, aprobada polas Nacións Unidas.
A UNED de Lugo dedicará o curso 22-23, a través do seu proxecto “UNED: deporte e saúde”, a dar a coñecer e a contribuír á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable Nº3 da Axenda 2.030 da ONU, Saúde e Benestar, que ten como fin o garantir unha vida sa e promover o benestar para todos/as en todas as idades.
E que mellor maneira de comezar o curso 22-23 que comprometéndonos cunha causa que contribúe dun modo importantísimo a mellorar a calidade de vida de tantas persoas.
Por iso, queremos asociar a nosa campaña de matrícula á alianza que acabamos de selar coa Asociación Española Contra o Cancro e convidamos a toda a comunidade universitaria a iniciar o curso cunha achega a este reto contra o cancro co que desexamos pór o noso gran de area para contribuír ao ODS 3.
Para iso habilitarase unha ligazón directa a sitio web onde poder realizar as achegas:
https://unete.miretoempresas.contraelcancer.es/campaigns/UNED-LUGO-CONTRA-EL-CANCER
#UNEDLugoContraelCancer #Somos2030 #LugoNaturalMente #UNED50