A UNED De Lugo recibiu a visita de varias persoas usuarias de raiolas

A directora da UNED recibiu a varias persoas usuarias de RAIOLAS que visitaron as instalacións da UNED acompañadas por persoal da entidade.

Ana Traseira amosoulles as instalacións da UNED e, posteriormente, compartiu con elas no salón de actos as actividades que desenvolve a UNED na provincia de Lugo, facendo especial fincapé nas levadas a cabo no curso 22-23 dentro do proxecto #UNEDLife, especialmente nas vinculadas ao coidado da saúde e ao deporte. A directora resaltou as opcións de estudos superiores que ofrece a UNED de Lugo e polas que as visitantes amosaron especial interese, recordándolles que na UNED non existe límite de prazas, nin nota de corte e que a matrícula estará aberta ata o vindeiro 23 de outubro.

A Asociación Raiolas – Lugo é unha asociación sen ánimo de lucro que nace no ano 2000 como unha asociación de pais e nais de persoas cun Trastorno do Espectro Autista e/ou Trastorno da Comunicación Social (en adiante TEA e TCS). A Asociación creouse o 29 de abril dese ano, como consta na súa Acta Fundacional, presentándose como asociación o día 30 de abril. Raiolas ten a súa sede social en Lugo e o seu ámbito de actuación é provincial. Dende o momento que se creou a asociación, o obxectivo principal foi poñer en marcha na provincia un servizo de apoio especializado para persoas con TEA/TCS, hoxe convertido nun servizo psicopedagóxico e de logopedia.

Finalmente, a directora agasallou aos visitantes con merchandising sostible do proxecto #LugoNaturalMente no que se integra #UNEDLife.