A UNED Sénior de Lugo despide o curso con 82 persoas graduadas

O Centro Asociado da UNED en Lugo celebra hoxe o acto de gradación da promoción 2024-2025 do Programa UNED Sénior, cun notable incremento da participación no segundo semestre. Pasouse de dúas a catro materias —Inglés básico, Inglés intermedio, Informática e Empezando a coñecer a historia da arte—, o que permitiu alcanzar 82 persoas matriculadas, fronte ás 37 do primeiro semestre.
Ao longo do curso, 119 persoas lucenses participaron nesta iniciativa que promove o envellecemento activo, a aprendizaxe ao longo da vida e a implicación cultural e social das persoas maiores. No conxunto da provincia de Lugo, a cifra achégase ás 300 participantes, grazas á implantación do programa tamén en Viveiro e Sarria, onde a gradación terá lugar en setembro.
O acto estará presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, quen entregará os diplomas e exercerá como padriño da promoción 2024-2025.
Participarán tamén o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o deputado de Promoción Económica da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e a directora do Centro Asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira Pena. A profesora Raquel Iglesias intervirá en representación do profesorado e a alumna Ana Lozano fará un discurso en nome do alumnado sénior.
O Programa UNED Sénior está dirixido a persoas maiores de 55 anos que desexen seguir aprendendo, compartindo experiencias e participando activamente na sociedade. A nivel estatal, conta con máis de 600 cursos e máis de 10.000 estudantes en toda España.