A UNED de Lugo primeiro Centro en renovar a certificación de Nivel II do Sistema de Garantía Interna de Calidade na Xestión do Centro Asociado (SGICG-CA)

A UNED de Lugo, que foi o primeiro Centro en obter a certificación de calidade do Nivel II que outorga a Cátedra de Calidade da UNED de Tudela e que está avalada pola ANECA, acaba de renovar a certificación de calidade do Nivel II do SGICG-CA, que neste momento so posúen cinco dos 63 Centros da UNED.

No informe de certificación destácase o éxito na consolidación do Sistema de Garantía Interna de Calidade na Xestión do Centro Asociado (SGICG-CA), que se amosa, de forma clara, na integración cotiá de mecanismos de traballo con alta autoexigencia de calidade na xestión, na planificación e revisión periódica de obxectivos e resultados e no desenvolvemento de iniciativas que van máis aló da actividade habitual dun Centro Asociado.

Tamén figura en dito informe que isto foi posible pola determinación do equipo directivo e a implicación das persoas que traballan no Centro Asociado.

A Cátedra de Calidade de Tudela anima á UNED Lugo a seguir actualizando e simplificando as ferramentas de xestión e a desenvolver áreas estratéxicas que acheguen valor ao Centro Asociado na súa contorna.

Neste informe recóllense 7 puntos fortes, vinculados entre outros á Responsabilidade Social Universitaria (RSU) e ao traballo do Centro na divulgación e contribución aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Exemplos de temas impulsados son a igualdade de xénero ou o medio ambiente, os cales contribuíron á proxección social do Centro Asociado na sociedade e á sensibilización cultural de estudantes, profesorado e PAS.

Tamén destaca o informe a publicación de boas prácticas por parte do Centro Asociado que lle permite formar parte do grupo que comparte boas prácticas na rede UNED. Ademais destácase que unha das boas prácticas do centro logrou en 2020 o premio nacional de boas prácticas de xestión do Consello Social da UNED.