UNED LUGO e ADEGA desenvolven actividades na natureza con ASPANANE, COGAMI e DOWN LUGO

A UNED de Lugo, en colaboración coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), levou a cabo o programa de educación ambiental “Proxecto Ríos” con diversas asociacións da provincia lucense. Esta iniciativa, xurdida en 2005 da man de ADEGA, ten como obxectivo resaltar a importancia da conservación da biodiversidade dos ríos.

A actividade, dirixida por Ramsés Pérez, coordinador medioambiental de ADEGA, permitiu ás entidades participantes analizar varios parámetros para estudar o río: a calidade da auga, o caudal, o estado do hábitat de ribeira, así como a presenza de especies invasoras de fauna e flora.

A actividades contaron coa colaboración de Ana Traseira, directora da UNED, Paula Moure, bióloga Ambiental da UNED e Victoria Filgueiras, estudante en prácticas de Educación Social da UNED de Lugo, así coma outras persoas integrantes do proxecto #LugoNaturalMente da UNED.

Os participantes gozaron dunha mañá agradable xunto ao 0.5 km de río Miño amparado polo Centro Asociado, onde tiveron a oportunidade de participar un total de 47 persoas pertencentes a diferentes asociacións da provincia de Lugo, como ASPANANE (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro) con 7 participantes, DownLugo con 15 e COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) con 25. A participación de persoas con diversidade funcional favorece a súa integración tanto na sociedade como na natureza, á vez que aprenden hábitos sustentables para conservar o medio ambiente.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa UNEDFutura, que xorde ao abeiro do proxecto de #LugoNaturalmente, lanzado pola UNED de Lugo no ano 2019.  UNEDFutura, que xorde con motivo do XV aniversario da UNED de Lugo, ten coma obxectivo dar resposta aos grandes desafíos da sociedade no novo programa #UNEDFutura. #UNEDFutura constitúe unha revisión da traxectoria de compromiso social da UNED de Lugo ao longo dos seus quince anos de existencia que dará resposta ao signo dos tempos e que se desenvolverá ao longo do curso 23-24. Con este programa social, que se desenvolverá ao longo do curso 23-24, a UNED de Lugo busca resposta ao signo dos tempos que inflúen no día a día das sociedades contemporáneas.