A directora da UNED de Lugo dá a benvida ao alumnado do programa UNED Sénior do curso 2024-2025
Hoxe comezou oficialmente o curso 2024-2025 do programa UNED Sénior en Lugo. A directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, deu a benvida ao alumnado nun acto que marca o inicio das actividades formativas deste curso. Máis de 100 persoas inscribíronse nas distintas materias ofrecidas tanto en Lugo como nas sedes de Viveiro e Sarria.
O programa UNED Sénior ofrece, nesta edición, dúas materias na sede de Lugo: Inglés Básico e Inglés Intermedio. Na sede de Viveiro, os participantes poderán gozar dos cursos de Aproximación á Historia do Cine Galego e Historia da Arte, mentres que na sede de Sarria, o alumnado poderá elixir entre Inglés para Viaxar e Tertulias Literarias.
Durante o acto de benvida, a directora felicitou especialmente ao alumnado de Inglés Básico polo seu interese en “envellecer activamente e seguir cultivando os seus coñecementos”.
Mañá será a quenda do alumnado de Inglés Intermedio, que iniciará as súas clases, e ao longo da semana comezarán o resto das materias do programa, tanto en Lugo como nas sedes de Viveiro e Sarria.
Ademais, a directora expresou a súa satisfacción por ter completado todas as prazas dos cursos UNED Sénior nas tres sedes, o que reflicte o entusiasmo da comunidade pola formación continua e un estilo de vida dinámico e comprometido co aprendizaxe.
A UNED de Lugo continúa así apostando pola aprendizaxe ao longo da vida, ofrecendo oportunidades para todas as idades e fomentando un envellecemento saudable e enriquecedor.