A UNED de Lugo dedica a súa VI Xornada “UNED Sen Fronteiras” á muller marroquí

A UNED de Lugo celebrará o vindeiro xoves 19 de xuño de 2025 a VI edición das súas xornadas UNED Sen Fronteiras, unha actividade consolidada no calendario anual do centro e centrada este ano na realidade da muller marroquí.
Durante a sesión, abordarase a evolución do papel da muller en Marrocos ao longo das últimas décadas, desmontando estereotipos e prexuízos frecuentemente difundidos desde Occidente. A través de intervencións académicas e testemuños en primeira persoa, ofrecerase unha aproximación integral e cultural que inclúe a música, a literatura e a gastronomía do país norteafricano.
A actividade, que se desenvolverá de 17:00 a 20:00 h, poderá seguirse tanto de forma presencial nas instalacións da UNED de Lugo como en liña, en directo ou en diferido.
Participarán como relatoras principais:
- Fatiha Nabil Bennani, técnica de intervención social e mediadora intercultural na Cruz Vermella, licenciada en Psicoloxía pola Universidade Mohammed V.
- Fatima Bali, profesora xubilada de ensino secundario en Rabat (intervención remota).
- Sara María Cancelo El Hammoussi, docente de Formación Profesional e graduada en Nutrición Humana pola Universidade de Santiago de Compostela.
A sesión contará coa presentación do sociólogo José López Riopedre e da directora do centro, Ana Belén Traseira Pena, así como cunha degustación de produtos típicos marroquís.
Esta actividade, de carácter gratuíto e divulgativo, enmárcase no ciclo UNED Lugo Sen Fronteiras, que dende 2019 promove o coñecemento doutros pobos e culturas como motor para a convivencia e a paz. Conta coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo, e contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Esta actividade, de carácter gratuíto e divulgativo, enmárcase no ciclo UNED Lugo Sen Fronteiras, que dende 2019 promove o coñecemento doutros pobos e culturas como motor para a convivencia e o entendemento mutuo, contribuíndo así ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 16: paz, xustiza e institucións sólidas.