A UNED de Lugo organiza unha entrevista para conmemorar o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia

Con motivo do Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia, a UNED de Lugo organiza unha entrevista titulada “Rompendo Barreiras: A viaxe científica de Cintia Folgueira”, na que a neurobióloga e recoñecida investigadora, Cintia Folgueira Cobos, compartirá a súa experiencia persoal e profesional no ámbito científico. A charla abordará os desafíos e logros que atopou ao longo da súa carreira, destacando a súa traxectoria como muller nun campo onde a representación feminina segue sendo insuficiente.

A actividade terá lugar o vindeiro venres 7 de febreiro de 2025 ás 10:30 no Salón de Actos da UNED de Lugo. Estará dirixida a todo o público interesado e contaremos coa especial participación do estudantado de 4º de ESO do IES Virxe dos Ollos Grandes. O acceso será de balde, con modalidade presencial e online, promovendo a inclusión e o fomento da educación científica en toda a sociedade.

Acompañando a Cintia nesta actividade estarán Ana Traseira Pena, directora da UNED de Lugo e do proxecto #LugoNaturalMente, Paula Fernández Moure e Alejandro Rodríguez García, biólogos ambientais da universidade lucense, quen serán os encargados de realizar a entrevista á invitada.

O Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia é unha oportunidade chave para sensibilizar e promover a igualdade de xénero na ciencia. A UNED de Lugo, con esta actividade, reforza o seu compromiso de empoderar ás mulleres en tódalas áreas do coñecemento, fomentando unha maior participación feminina na ciencia e contribuíndo á construción dun futuro máis equitativo.