Éxito da XVIII edición de “Móllate polos ríos” en Lugo: A UNED de Lugo e Coidemos Lugo suman esforzos con ADEGA para protexer o Miño e o Rato

O domingo, 21 de setembro de 2025, desenvolveuse con éxito a XVIII edición da campaña de limpeza de ríos “Móllate polos Ríos”. Nesta ocasión, voluntariado da UNED de Lugo e da asociación Coidemos Lugo actuaron nas ribeiras do río Rato e do río Miño, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, retirando diversos residuos acumulados no entorno fluvial.
A xornada, que contou coa participación dunha ducia de persoas, enmárcase no compromiso compartido destas entidades co coidado e conservación do medio ambiente. Ao longo da mañá recolléronse residuos de distinta natureza: plásticos, artigos de hixiene persoal, pneumáticos, caixas, entre outros, que afectan á calidade ecolóxica dos ríos. En total recolléronse uns 300 kg de lixo, que encheron por completo os dous colectores solicitados ao servizo de recollida do Concello de Lugo.
Un ano máis, as toalliñas desbotables representaron a maior parte dos residuos retirados. Xunto a elas atopáronse un pneumático, anacos de tubaxe, un tapacubos e numerosos plásticos que, de non seren retirados, acabarían degradándose en microplásticos, con capacidade de bioacumularse nos organismos vivos, incluído o ser humano.
Esta acción, que se prolongou durante unhas tres horas, puxo de manifesto a importancia do traballo colectivo e do voluntariado ambiental como ferramentas esenciais para mellorar o estado dos nosos ecosistemas acuáticos. A UNED de Lugo, ao participar nesta iniciativa, reforza a súa misión de sensibilización e educación ambiental, tanto entre a súa comunidade universitaria como no conxunto da cidadanía.
Con actividades como esta conséguese non só unha mellora inmediata do espazo natural, senón tamén fomentar unha reflexión crítica sobre o impacto humano nos ríos e a necesidade urxente de avanzar cara a hábitos máis sostibles que garantan o futuro das novas xeracións.