Máis de 250 persoas achegáronse á aventura de emprender da man da UNED de Lugo e do CEI Nodus

O Centro Asociado da UNED en Lugo acolleu na tarde do mércores, 9 de abril, unha actividade formativa que reuniu a máis de 250 persoas interesadas en coñecer o emprendemento como unha alternativa real ao traballo por conta allea. Cun enfoque práctico, motivador e próximo, a sesión puxo en cuestión algúns mitos arredor do acto de emprender, ofrecendo ferramentas e perspectivas útiles para quen se formula iniciar o seu propio proxecto profesional.
A sesión, cunha duración de dúas horas, estivo conducida por Norman Veiga, emprendedor disruptivo e actual responsable dos programas de emprendemento do Concello de Lugo, a través da iniciativa do CEI Nodus. Durante a intervención abordáronse cuestións clave como as motivacións para emprender, a identificación dunha idea de negocio, a proposta de valor, o coñecemento do cliente obxectivo, a elaboración do plan de empresa, as diferentes formas xurídicas, a financiación e as axudas e subvencións dispoñibles.
O formato híbrido da actividade, que permitiu a participación tanto presencial coma en liña (en directo e en diferido), favoreceu unha ampla acollida por parte do público.
Desde a UNED de Lugo agradécese especialmente a colaboración do Concello de Lugo e do CEI Nodus, cuxo compromiso co desenvolvemento económico e a formación emprendedora fixo posible esta enriquecedora xornada.