A Xunta Reitora da UNED Lugo aproba un orzamento de máis dun millón de euros e afronta o novo curso con ilusión facendo balance dos éxitos acadados no 2024-2025

Este xoves 10 de xullo celebrouse no Centro Asociado da UNED en Lugo a reunión ordinaria da súa Xunta Reitora, órgano de goberno do Consorcio Universitario. No transcurso da sesión aprobáronse por unanimidade as contas anuais do exercicio 2024, o plan de xestión da calidade do centro e o orzamento para o ano 2026, que ascende a 1.090.550,17 euros.

A directora do centro, Ana Belén Traseira Pena, presentou o balance académico do curso 2024-2025, que destaca por unha matrícula récord de 1.200 estudantes en ensinanzas regradas e un notable incremento da actividade de extensión universitaria, que acadou 8.150 matrículas en 119 actividades, o que supón un crecemento do 13 % respecto ao curso anterior. Ademais, salientou a consolidación do proxecto de sustentabilidade #LugoNaturalMente, con 77 actividades e máis de 5.100 persoas alcanzadas, así como a incorporación ao centro de catro traballadores/as en prácticas do programa SEPE e dúas persoas bolseiras ODS do Vicerreitorado de Sostibilidade.

No informe destacouse tamén o impacto do LCDPodcast, con 22 episodios publicados, 79.000 visualizacións acumuladas e máis de 13.000 subscritores, así como a participación activa da UNED Lugo no programa STEMBach, o ciclo UNED Sen Fronteiras, e o fortalecemento da súa estratexia de aprendizaxe-servizo con iniciativas como o I Congreso Internacional de ApS en contornas dixitais. Entre os eventos institucionais máis relevantes do curso figuran as XXXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses “Concepción Arenal”, as XVII Xornadas Xurídicas Román García Varela, e o recoñecemento de #LugoNaturalMente como un dos dez mellores proxectos no certame nacional “Europa Se Siente”.

Un dos acordos máis salientables foi o relevo na presidencia do Consorcio, que se produce cada dous anos e que pasa agora do Concello de Lugo á Deputación de Lugo. Dende este momento, a presidencia será exercida polo presidente da Deputación, D. José Tomé Roca, quen participou na reunión e agradeceu a confianza depositada para asumir esta responsabilidade á fronte do órgano de goberno do Consorcio Universitario.

Na reunión estiveron tamén presentes a vicerreitora de Centros Asociados da UNED, Dna. Isabel Martín del Llano, o alcalde de Lugo, D. Miguel Fernández Méndez, o alcalde de Foz, D. Fran Cajoto García, o representante do PTGAS, D. Carlos García, a representante do profesorado titor, Dna. Reyes Rodríguez, e o secretario do centro, D. Alejandro Prieto, ademais da propia directora.

O encontro desenvolveuse nun ambiente de colaboración institucional, reafirmando a vontade compartida de seguir impulsando dende Lugo unha educación superior pública, inclusiva e comprometida co desenvolvemento sostible do territorio.