Apertura de matrícula de Formación Permanente e de Idiomas na UNED
Hoxe arrinca o prazo de matriculación nos cursos de Formación Permanente da UNED, que permanecerá aberto dende hoxe até o 30 de novembro de 2023. Igualmente, ábrese o prazo de matriculación en Idiomas até o 23 de outubro.
A Formación Permanente da UNED, con máis de 13.000 matriculados, pon a disposición dos alumnos máis de 500 títulos propios de Posgrao e de Desenvolvemento Profesional e Persoal, UNED Senior, Formación Profesional a distancia e 16 idiomas (CUID), ademais de ofrecer a posibilidade de realizar prácticas curriculares ou extracurriculares en entidades e institucións de recoñecido prestixio. Tamén poden sumarse os créditos ECTS válidos nas titulacións reguladas de UNED.
A Formación Permanente da UNED articúlase en dous grandes programas:
- Programa de Posgrao, dirixido a persoas con título universitario que desexan actualizar os seus coñecementos ou lograr unha especialización nalgunha área.
- O Programa de Desenvolvemento Profesional e Persoal, dirixido a persoas que buscan, sen necesidade de título universitario, un perfeccionamento ou actualización profesional, ou formarse por interese cultural ou académico. Son cursos que dan resposta ás demandas e intereses do mundo do traballo.
Ambos teñen unha estrutura modular. Son cursos flexibles cunha formación aberta (é o estudante quen selecciona o itinerario a seguir, segundo os seus intereses formativos dentro do marco programado polos equipos docentes) e progresiva (a formación permite ir acreditándose por módulos e ir accedendo a titulacións de nivel superior).
Os cursos impartidos nos Programas de Formación Permanente acredítanse mediante a expedición de Títulos Propios da Universidade Nacional de Educación a Distancia, seguindo as directrices do Regulamento de Estudos de Formación Permanente. Son de formación preferentemente en liña, aínda que tamén os hai semipresenciais e mesmo, excepcionalmente, presenciais.
As principais áreas de coñecemento dentro das que se enmarcan a oferta de cursos son: Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias Xurídicas e Administración Pública, Ciencias Sociais, Relacións Laborais e Cooperación, Economía e Xestión Empresarial, Educación, Humanidades e Artes, Informática, Linguas, Psicoloxía, Saúde, e Seguridade e Defensa.
Na seguinte ligazón preséntanse as características dos títulos, incluíndo o seu número de créditos ECTS mínimos.
A matrícula realízase online a través da páxina web www.formacionpermanente.uned.es seleccionando o curso elixido a través do buscador. Unha vez localizada a ficha da actividade do curso, só hai que pulsar na pestana Solicitude de matrícula para iniciar o proceso.
O Centro de idiomas da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED Idiomas) promove o ensino-aprendizaxe de linguas, incluídas as cooficiais de España, mediante unha formación de calidade e adaptada ás necesidades dos estudantes.
Existe unha ampla oferta de cursos de idiomas de 16 linguas tanto en modalidade semi presencial como en liña, seguindo as directrices do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER):
- Modalidade en liña: aprendizaxe en liña a través dunha plataforma propia con programas de autoaprendizaxe, materiais interactivos e o apoio de titores.
- Modalidade semipresencial: titorías presenciais nos Centros Asociados UNED.
Non se require titulación académica previa para cursalas, unicamente ser maior de 16 anos, aínda que é recomendable comprobar o nivel de competencia lingüística antes de iniciar a matriculación mediante unha proba de nivel en liña.
Este ano na UNED Lugo impartiranse de forma presencial os niveis A1, A2, B1, B2 E C1 de inglés; galego A2 e B1; chinés A1; portugués A2 e B1 e alemán A1 e B1. Nas seguintes datas e horarios:
Para formalizar a matrícula é necesario identificarse a través do enlace Acceso ao CAMPUS na web da UNED e seleccionar a opción Matrícula Centro Universitario de Idiomas a Distancia.