Acción Terra, un proxecto a prol da sustentabilidade ambiental fronte aos perigos da emerxencia climática. Conferencia de Carlos Taibo “Decrescimento e colapso”
Un recital poético e unha acción de recollida de refugallos abren este venres no Campus de Lugo un programa de sensibilización e protección da biodiversidade promovido polo estudantado do Campus Terra xunto coa UNED e Adega que inclúe relatorios, mesas de debate e actividades culturais abertas á cidadanía ata o 29 de abril.
O proxecto Acción Terra, unha iniciativa estudantil a prol da sustentabilidade ambiental e da protección da biodiversidade promovida desde o Campus Terra da USC en colaboración co centro da UNED de Lugo e a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), e na que tamén participan outros colectivos sociais con inquedanzas medioambientais, converterá desde este venres a sede universitaria luguesa nun espazo de análise e debate sobre os perigos que agocha a situación de emerxencia climática cara a que se encamiña o planeta, ao tempo que permitirá reflexionar e, no seu caso, activar mecanismos para afrontar esta problemática social.
As advertencias incluídas no último informe que vén de publicar o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático (IPCC), que alerta de que a “emerxencia climática” está a aproximar o planeta Terra a unha “situación de non retorno” de non tomar medidas, foi o acicate definitivo que xermolou o proxecto Acción Terra, segundo comenta o estudante de Veterinaria Óscar Mas Bräutigam, que é o verdadeiro impulsor destas xornadas sobre sustentabilidade medioambiental dirixidas ao estudantado universitario, pero abertas á participación de toda a cidadanía.
Implicado de cheo na loita de salvar o planeta, este ‘activista’ universitario optou por aprazar as súas obrigas académicas para facer coincidir o lanzamento deste ambicioso programa de sensibilización medioambiental coa celebración do Día da Terra, que se conmemora cada 22 de abril, a data na que botará a andar ‘Acción Terra’, unha proposta divulgativa que inclúe diversas actividades ata o 29 de abril.
Un recital poético pola Terra guiado por Claudio Rodríguez Fer abre este venres, ás 17.00 horas, na explanada de acceso á Facultade de Veterinaria o compendio de actividades programadas ao abeiro de Acción Terra, no marco do que, a partir das 18.15 horas, se desenvolverá unha acción de limpeza e recollida de cabichas na sede universitaria luguesa na que intervirán, ademais de estudantes, integrantes das asociacións Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Adega e mesmo da plataforma cidadá Coidemos Lugo.
Soberanía alimentaria
A soberanía alimentaría, tal e como se denomina o dereito dos pobos a definir a súa política agroalimentaria e a que sexa ecolóxica, social, económica e socialmente axeitada, centrará a temática das actividades programadas o luns 25 de abril, a partir das 18.30 horas, na EPS de Enxeñaría. Esta sesión comezará coa proxección do documental ‘Nun tempo de horta’ e inclúe o comentario da súa directora, Carmen Granxeiro. De seguido, o profesor Emilio Carral Vilariño moderará unha mesa de debate sobre soberanía alimentaria na que intervirán como relatores Marta Pérez Freire, de Bico de Grao; Dora Cabaleiro, de Ribeiregas e Sindicato Labrego Galego, e Grabriel Lopes, da Sociedade Civil de produçom vexetal Lagar d’a Granha.
Acción Terra trasladará a sesión do 26 de abril á sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, onde a docente Ana López Beceiro moderará, a partir das 19.30 horas, unha sesión sobre fauna silvestre autóctona na que intervirán como relatores Óscar Rivas, da Fundación Oso Pardo e da Asociación Galega de Custodia do Territorio.
A Facultade de Veterinaria volverá acollerá o mércores 27 un foro sobre gandería sustentable, no marco do que se abordará a necesidade de manter e mellorar a actividade produtiva sen descoidar as condicións de benestar animal e a conservación do medio natural. A profesora e investigadora da USC Ruth Rodríguez Bermúdez guiará este coloquio, no que participarán Genma San Pedro, de Cabuxa Natura, unha gandería ecolóxica e rexenerativa de ovellas e cabras, David Outeiro, que rexenta unha gandería ecolóxica de cachenas na Fonsagrada, e Xosé García Freire, de Casa da Fonte.
As sesións do programa Acción Terra trasladarase o día 28 na sede luguesa da UNED. A temática do programa do xoves, que se desenvolverá de 18.00 a 20.00 horas, afondará sobre a construción de espazos saudables. A sesión comezará cunha actividade de relax imaxinativo guiada por Celsa Sánchez Vázquez. Ao seu remate, a presidenta de Adega-Lugo, Adela Figueroa, conducirá unha dinámica de grupo.
Unha mesa redonda sobre transición enerxética pechará o venres 29, a partir das 17.30 horas, as actividades de Acción Terra programadas na EPS de Enxeñaría. O xornalista Benito García, da Asociación Galicia Ambiental, conducirá un coloquio no que intervirán o biólogo de Adega Tonio Nogueira, especializado na xestión de ecosistemas de emerxencia ambiental; José Antonio Eiras Vila, da cooperativa galega de enerxía verde Nosa Enerxía; Aranza González, voceira da plataforma veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, e o coordinador da comunidade de montes Tameiga, Gonzalo Pérez Vázquez.
O relatorio ‘Decrescimento e Colapso’, a cargo do profesor xubilado de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, previsto para as 20.00 horas, servirá do colofón do proxecto Acción Terra. Esta sesión emitiráse por Internet a través de Youtube. As persoas interesadas en seguir esta charla teñen que formalizar a súa inscrición en https://extension.uned.es/actividad/27062&codigo=XATPI .
https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/accion-terra-proxecto-prol-sustentabilidade-ambiental-fronte-perigos-emerxencia-climatica