Cintia Folgueira protagoniza a entrevista “Rompendo Barreiras” organizada pola UNED de Lugo

Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a UNED de Lugo organiza hoxe a entrevista titulada Rompendo Barreiras: A viaxe científica de Cintia Folgueira. Nesta actividade, Cintia Folgueira Cobos comparte a súa experiencia no ámbito científico, abordando os desafíos e logros que atopa na súa traxectoria como investigadora. Ademais, expón os seus importantes descubrimentos sobre a influencia do cerebro na obesidade e na diabetes, achegando unha valiosa perspectiva sobre como o coñecemento científico contribúe a abordar problemas de saúde global.
O evento, retransmitido en directo, reúne a 60 estudantes de 4º da ESO do IES Virxe dos Ollos Grandes, que participaron activamente no Salón de Actos da UNED de Lugo compartindo inquedanzas sobre o seu futuro. Esta iniciativa busca inspirar ás novas xeracións de mulleres na ciencia e poñer en valor a importancia do papel da muller na investigación e na innovación, subliñando a súa contribución esencial ao desenvolvemento científico e social.
A entrevista, dividida en tres seccións, foi moderada pola directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, e polos biólogos do equipo do proxecto #LugoNaturalMente, Paula Moure e Alejandro Rodríguez. Esta desenvolveuse nun ambiente de aprendizaxe e reflexión, permitindo ao alumnado coñecer de primeira man os retos e as oportunidades dunha carreira científica.
Con esta conferencia, a UNED de Lugo reafirma unha vez máis o seu compromiso coa divulgación do coñecemento e coa promoción da igualdade de oportunidades no ámbito da ciencia. A gravación xa pode visualizarse en Youtube: