Xosé Otero e Antonio Calvo no Encontro de LUGOPOÉTICA 2024

Xosé Otero e Antonio Calvo participaron no cuarto dos Encontros LUGOPOÉTICA 2024 que organiza Egeria co apoio da Universidad Nacional de Educación a Distancia e a Xunta de Galicia.

Coordinados polo Presidente de Egeria, Xulio Xiz, interviñeron os poetas Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela, que falaron da súa traxectoria poética e leron anacos da súa obra máis representativa.

O Encontro foi aberto ao público e foi transmitido en directo pola canle da Uned.  Posteriormente poderá ser visto na Rede, tanto en Youtube como nas webs de Egeria e de Lugopoetica2024.

Xosé Otero Canto (Ponte de Outeiro – Castro de Rei, 1951). Catedrático xubilado de Lingua Castelá e Literatura, deuse a coñecer como poeta en 2006. Obtivo numerosos premios, e publicou unha vintena de libros de poesía, deles 14 poemarios con títulos como ‘Outono, mancebo céfiro das ás ergueitas’, ‘Salaios da Chaira’, ‘Miño río pai e amigo’, ‘Guía poética da Muralla de Lugo’, ‘Poemas da cidade’, ‘Valuria’, ‘Muralla lúa chea imperial’ ou ‘Sinódica Luz’.

Antonio Calvo Varela (Pontedeume, 1942). Catedrático de Filosofía, exerceu no IES Lucus Augusti de Lugo e foi xefe de estudos e secretario do Ingabad. De 1991 a 2005 foi delegado provincial en Lugo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Escribe poesía, e un amigo seu presentou no seu nome un poema ao Certame de Poesía do Belén de Begonte, conseguindo o primeiro premio.

Enlace a Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=xX6m87Jxyng