Erik Quintela e Maximus participaron no proxecto Ningún Aro Sen Rede no Colexio Franciscanos

Ningún Aro Sen Rede, un proxecto que xorde da alianza entre a UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution continuou coa súa nova edición achegándose ao colexio Franciscanos de Lugo, sendo esta a segunda parada.

A iniciativa xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles por ser feitas a partir de residuos de redes de pesca.

Activo desde o curso 2022-2023, durante o desenvolvemento do proxecto as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade e animar ao alumnado a participar activamente no proxecto mediante a reciclaxe de material de escritura.

Nesta cita, os estudantes de 4º de Educación Primaria do colexio Franciscanos asistiron á actividade que foi impartida polo director da Fundación, Luis Abel, e a directora da UNED, Ana Traseira, en compañía do capitán do Club Baloncesto Breogán, Erik Quintela e da mascota do club Máximus.

 

Durante o transcurso da actividade, Luis Abel e Ana Traseira expuxeron o obxectivo do proxecto, explicando o proceso de elaboración das redes de Ecoballution e a relevancia de promover a reciclaxe que facilite a xestión de residuos, así como un segundo uso dos mesmos. Logo dunha breve introdución teórica, comezou a parte lúdica da xornada, na que os estudantes participaron en competicións de baloncesto nas que obtiveron agasallos que manteñen a filosofía sostible do proxecto e que foron entregados polo club e pola universidade.

Esta iniciativa, aspira a ser un exemplo de economía circular, fomentando e difundindo algúns dos principios e valores recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.