A UNED de Lugo achega o patrimonio histórico ás persoas maiores no marco do proxecto “Grazas A-Vós”

A UNED de Lugo continúa o seu labor de divulgación cultural e aprendizaxe ao longo da vida cunha nova conferencia dentro do proxecto Grazas A-Vós.
Baixo o título “Lugo, Cidade Patrimonio: Un Tesouro da Humanidade”, os usuarios e usuarias das residencias públicas de maiores da Xunta de Galicia en Lugo, As Gándaras e A Milagrosa, tiveron hoxe a oportunidade de gozar dunha charla especial sobre a riqueza histórica e cultural da cidade.
A conferencia foi impartida por Raquel Iglesias Rodríguez, profesora do Grao en Historia da Arte na UNED de Lugo, quen guiou ás persoas asistentes nun percorrido polo valor patrimonial de Lugo e a súa relevancia como cidade histórica.
Na actividade participaron a directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, o director da Fundación Breogán, Luis Abel, e estiveron acompañados polo director territorial de Política Social da Xunta de Galicia en Lugo, Óscar Viñas. Tamén nos acompañaron as directoras das dúas residencias, reforzando así o compromiso conxunto de mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través da cultura e a educación.
Ademais, no marco deste proxecto, a UNED de Lugo colabora coa participación de dúas alumnas do Grao en Psicoloxía, que están a realizar un servizo de Aprendizaxe-Servizo dentro da materia Técnicas de Intervención Cognitivo-Conductuais. O seu labor céntrase na aplicación de técnicas para mellorar o benestar emocional das persoas maiores, contribuíndo ao seu desenvolvemento persoal e social.
Dende a UNED de Lugo, en colaboración coa Fundación Breogán, seguimos apostando por iniciativas que fomenten o acceso ao coñecemento e o benestar das persoas maiores, contribuíndo ao seu desenvolvemento cultural e fortalecendo o seu vínculo co patrimonio local.
Con Grazas A-Vós, construímos memoria e futuro.