A UNED de Lugo impulsa a educación ambiental entre adolescencia a través do proxecto LugoNaturalMente

A UNED de Lugo desenvolveu hoxe unha nova actividade de educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño, no marco do proxecto #LugoNaturalMente, coa participación dun grupo de persoas adolescentes usuarias da Asociación Diaconía Lugo.
A xornada foi presentada pola directora do Centro Asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira, quen destacou a importancia de achegar a educación ambiental a todas as persoas, especialmente á mocidade en situación de vulnerabilidade, como ferramenta de inclusión, formación e compromiso co futuro.
A actividade estivo coordinada pola bióloga ambiental Paula Moure e incluíu un percorrido interpretativo polos bosques de ribeira próximos ao río Miño, un dos ecosistemas máis representativos da contorna lucense. O obxectivo principal foi achegar á mocidade á natureza desde unha perspectiva de respecto, participación activa e coñecemento, fomentando a reflexión crítica sobre os desafíos ambientais actuais.
Durante a sesión abordáronse cuestións clave como o papel dos espazos protexidos na conservación da biodiversidade, a relevancia das especies autóctonas ou as ameazas derivadas do cambio climático e da acción humana. As persoas participantes puideron observar especies vexetais e animais no seu hábitat natural e compartir impresións sobre a súa relación co medio.
Esta iniciativa forma parte das accións que promove a UNED de Lugo a través do proxecto #LugoNaturalMente, un programa pioneiro que fusiona educación ambiental e posta en valor do patrimonio natural para fomentar un vínculo consciente e sostible co territorio. O proxecto, que se desenvolve en centros educativos, entidades sociais e espazos naturais, reflicte o compromiso da UNED de Lugo coa inclusión, a equidade e cos valores dos obxectivos de desenvolvemento sostible.