Creatividade e sustentabilidade: A UNED de Lugo celebra o seu taller de Nadal coa natureza como protagonista

A UNED de Lugo celebrou con éxito a segunda edición do seu taller de coroas do Nadal, unha actividade deseñada para reconectar coa natureza e fomentar prácticas sustentables. Este taller, enmarcado no proxecto #LugoNaturalMente e organizado en colaboración con Fina Freire, profesional en decoración de Arte Floral Rabel, tivo lugar na sede do Centro Asociado da UNED de Lugo.

Un total de 20 persoas participaron nesta experiencia creativa, elaborando fermosas coroas e centros de mesa para decorar os seus fogares durante as festas do Nadal. Durante a actividade, os asistentes empregaron recursos naturais, como froitos e follas caídas durante o outono, para confeccionar estes adornos tradicionais.

Ademais de estimular a creatividade, este taller foi unha oportunidade para reflexionar sobre o impacto ambiental das celebracións do Nadal. Nunha época marcada polo consumo excesivo, crear decoracións con materiais que nos ofrece a natureza presentouse como unha alternativa sustentable e consciente para gozar das festas.

O éxito desta segunda edición consolida esta actividade como un referente na oferta de talleres da UNED de Lugo, destacando a importancia da creatividade e a conexión coa contorna natural nas festividades.