A directora da UNED de Lugo na reunión nacional de directores da UNED celebrada en Almería

Almería reuniu ós 61 directores da UNED en España e os vicerreitores para poñer en común os retos e estratexia da institución académica ante a entrada en vigor da nova Lei de Universidades.

Entre os 61 directores atopábase o de UNED Lugo, Ana Belén Traseira Pena. “Regreso coa mesma ilusión coa que viaxei a Almería. Na UNED todos temos moito traballo para facer, un reto ao que nos enfrontar, cada un dende a súa praza. Coñecemos o Plan Estratéxico da Universidade 2023-2026 ao detalle e todo o traballo que implica adecuar a universidade á nova Lei. Todo un reto, por certo, no que é unha honra estar e traballar. Aos directores, e a min o primeiro, gústanos a lea, laborar con rigor e ilusión en pro da nosa UNED, unha universidade prestixiosa que paga a pena e que tanto ben presta á sociedade española. Dende Lugo contribuímos nese traballo dende a creación do centro. E continuamos facéndoo sen descanso, adecuándonos ás novas esixencias dunha institución de educación superior que permite a igualdade de oportunidades dos cidadáns. E todo isto é posible grazas ás institucións do Consorcio de UNED Lugo, que dende a súa fundación apoian o traballo de xestionar a presenza da UNED no noso territorio,”, dixo a directora lucense.

A UNED é a universidade do territorio. Serve de panca para impulsar a formación no territorio. E a rede de centros asociados é un verdadeiro exemplo de vertebración territorial. Así o dixo o secretario xeral para o Reto Demográfico, Francesc Boya, na reunión anual e nacional de directores da UNED celebrada en Almería. Este engadiu que “os nosos territorios teñen un gran potencial” polo que é preciso seguir fortalecendo a rede de centros da UNED”. Neste encontro tratábase de expoñer e detallar o Plan Estratéxico da Universidade e as accións a levar a cabo tamén con motivo dos cambios que esixe a nova Lei de Universidades LOSU. Como dixo o reitor, Ricardo Mairal Usón, ante os 61 directores, “Reunións como esta, que se celebra cada ano, son un espazo único onde se valora e potencia o traballo conxunto que nos permite avanzar cara a un obxectivo común: a excelencia na Educación Superior”. Así expresa que, xuntos, “somos parte dunha comunidade académica comprometida coa mellora continua e a innovación. Seguiremos traballando en equipo para ofrecer unha educación superior de calidade e accesible a todos os estudantes”.

Mairal expuxo que os directores dos centros asociados da UNED “xestionan a presenza da UNED no territorio” polo que os considera “como parte do equipo de Goberno. Así os sinto”.

Ao longo de dúas intensas xornadas foron saíndo numerosos temas sobre diversos aspectos da Universidade e o seu Plan Estratéxico 2023-2026. “Vivimos un momento apaixonante”, dixo o reitor, engadindo que a IA e as tecnoloxías determinarán a metodoloxía UNED.

Nun dos descansos das xornadas, pousaron os directores do Campus Noroeste co vicerrector de Centros e o reitor da UNED.

En Almería quedou clara a evidencia de que a actual UNED se parece ben pouco á de hai cinco anos, mesmo menos tempo, dada a velocidade dos cambios en todos os departamentos da universidade pública máis grande de España.

A UNED está a traballar intensamente para afrontar eses cambios que impón a nova Lei de Universidades. Para iso hai varios equipos altamente cualificados inmersos nesa engrenaxe que adaptará a universidade ás novas esixencias. En Almería quedou clara a ilusión que reina en todo o equipo para afrontar este e outros retos, algo que no caso da UNED non é novidade pois dende o seu nacemento hai agora medio século, foi punteira en España nos continuos avances e cambios tecnolóxicos que a fixeron chegar con boa saúde e prestixio hoxe en día.

A reunión de Almería incluíu un acto institucional na Deputación, no que o seu presidente en funcións deu a toda a comunidade UNED a benvida á súa cidade e provincia, agasallándoos a continuación cunha visita guiada á Fortaleza almeriense.

Na sede da Deputación produciuse a recepción institucional a todo o equipo de vicerrectores e directores da Universidade pública máis grande de España.

Ao final deste encontro de directores e vicerrectores respirábase un ambiente, como sinalou Ricardo Mairal, “de gratitude, de sentirnos moi implicado nun momento esixente pero suxestivo e apaixonante”. É o sentimento xeral de compartir un mesmo proxecto universitario que esixe a todos estar á altura do momento.

O director de UNED Almería, José Jesús Gázquez Linares, mostrou o seu agradecemento a todos os directores: “As xornadas, que tiveron lugar no Centro asociado da UNED de Almería, non serían posibles sen a vosa valiosa participación e compromiso. Quero agradecer cada minuto do voso tempo dedicado, cada idea compartida, cada experiencia relatada. Demostrastes unha vez máis que a nosa rede de Centros asociados non é só unha estrutura, senón un conxunto de persoas dispostas a colaborar e achegar o seu gran de area para mellorar a educación dos miles de estudantes que confían en nós”. E engadiu: “Non teño dúbida de que, convosco como piares desta grande familia UNED, temos un futuro brillante por diante”.