Mañá terá lugar na UNED de Lugo a terceira sesión de Fiadeiras

Idoia Cuesta será a protagonista desta terceira sesión, que terá lugar mañá mércores, 15 de maio ás 18:30, no salón de actos do centro.

Idoia Cuesta  (Outeiro de Rei, Lugo) fala do que ela denomina a súa linguaxe perfecta: a cestaría. As súas pezas traspasan os límites da cestaría tradicional e utilitaria para converterse en creacións contemporáneas e únicas. Tamén da importancia que concede á formación continua, a tecnoloxía é a sinerxía con outros artesáns e deseñadores. Aínda que se formou como bióloga e especializouse en zooloxía mariña, Idoia Cuesta sempre quixo estudar Belas Artes. Tras participar en cursos de tecido, descubriu a súa paixón pola cestaría no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, entre outros. Traballa fusionando a cestaría e o téxtil, a partir de técnicas tradicionais de tecido. Realizou multitude de colaboracións, algunhas para firmas nacionais como Adolfo Domínguez, Sara Coleman ou Zara Home, e outras para marcas internacionais como Loewe. Ademais de impartir formacións en escolas e universidades, en 2006 publicou o seu Guía das plantas cesteables de Galicia. En 2014 Idoia Cuesta gañou o Premio Nacional de Artesanía na categoría Produto e en 2021 foi galardoada co Premio Artesanía de Galicia.

Fiadeiras achegaranos as experiencias e impresións de varias mulleres galegas que hoxe son referentes indiscutíbeis nos seus correspondentes campos de creación e/ou actividade e que, a través da súa participación axudarannos a formular mellor algúns dos interrogantes e desafíos que como mulleres enfrontamos en todo tipo de ámbitos.

Unha actividade enmarcada dentro do programa UNEDFutura.

Máis información e matrícula:

https://extension.uned.es/actividad/36941&codigo=FIADE