O xoves, última xuntanza de LUGOPOÉTICA 2024 na UNED de Lugo
O próximo xoves, 6 de xuño, ás 6,30 da tarde, vaise celebrar a última sesión de LUGOPOÉTICA 2024, na sede da Uned en Lugo.
Esta acción, promovida por Egeria co apoio da Uned e a Xunta de Galicia, comprende 6 xuntanzas de poetas de diferentes xeneracións poéticas, que conversan coordenados por Xulio Xiz, lendo anacos da súa obra. Cos contidos destas sesións poéticas hase publicar un libro cunha selección da obra dos doce participantes.
Nesta última xuntanza van participar Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, e Francisco Javier Neira Pampín. O acto é público e difundirase en directo por Youtube e quedará gravado tamén nas webs de Egeria e Lugopoética24.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero (Vilalba, 1951). Profesor, cantante e escritor. Membro fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, ten recollido canción tradicional por toda Galicia, e composto música como a de ‘O Carro’,que dan máis vida a poemas fundamentais. Galardoado co Pedrón de Ouro ou Facer País, o seu labor poético está recollido en libros esenciais que lle teñen deparado numerosos premios.
Francisco Javier Neira Pampín (Santiago, 1953). Licenciado en Medicina e Cirurxía e especialista en Uroloxía. Na actualidade traballa en Polusa (Lugo). É membro da Sociedade Galega e Española de Uroloxía. Cultiva a pintura, a música e a escrita. Ten publicadas cinco novelas e dous libros de poemas: un en solitario -’Vaite baixo’- e outro con Xosé Carlos Ulloa, ‘Nuevo amanecer’.