O “Proxecto Ríos” coordina a XIV Limpeza Simultánea de Ríos en 51 municipios de toda Galicia

A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 51 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición.
A limpeza, que será o 26 de setembro, mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 51 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
En Lugo, coordinan a actividade ADEGA-Lugo e a UNED en treitos do río Rato e parque do río Miño. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 982240299 ou escribindo un correo electrónico a adegalugo@adega.gal antes do venres ás 14h.
Actualizouse a páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras.
Voluntariado Ambiental
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.
#UNEDLugoNaturalMente