A UNED de Lugo alfabetiza a máis de 100 estudantes do Colexio Diocesano María Auxiliadora

Este luns 9 de xuño, e con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, conmemorado o pasado 5 de xuño, a UNED de Lugo impartiu unha charla sobre a crise climática ao alumnado de 1º e 3º curso da ESO do Colexio Diocesano María Auxiliadora.

A conferencia, recollida baixo o nome de “Alfabetización Climática. Educación para o Desenvolvemento Sostible”, está amparada dentro de #LugoNaturalmente, un proxecto de divulgación ambiental da Universidade.

Os biólogos da UNED Lugo, Paula Fernández Moure e Alejandro Rodríguez García, foron as persoas encargadas de desenvolver a actividade, coa colaboración da directora do centro, Ana Belén Traseira, quen presentou e tamén participou na impartición do relatorio.

O contido da charla tratou de contextualizar historicamente a crise climática actual, deténdose nas súas causas e consecuencias para, posteriormente, realizar unha actividade de dinámica grupal cos estudantes participantes na iniciativa.

Con este, engádese un novo relatorio aos xa impartidos no nome desta iniciativa que ten como finalidade a creación dunha cultura científica e ambiental nas persoas da cidade de Lugo.

Ademais, esta mesma tarde, terá lugar un roteiro ambiental pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, guiado polo biólogo e divulgador ambiental Antón Prego Areal, co obxectivo de achegar á cidadanía á natureza de forma respectuosa e educativa.