A UNED de Lugo celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente cun roteiro na reserva da biosfera Terras do Miño

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a UNED de Lugo organizou o pasado luns 9 de xuño unha actividade especial ao abeiro do proxecto #LugoNaturalMente: un roteiro ambiental guiado pola Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A actividade, conducida polo biólogo e divulgador ambiental Antón Prego Areal, tivo como obxectivo achegar ás persoas participantes á natureza dun xeito respectuoso, ao tempo que se promovía a identificación das principais especies de flora e fauna deste espazo natural privilexiado.
O percorrido desenvolveuse de 17:00 a 19:00 horas, con saída desde a entrada principal do edificio da UNED de Lugo. As persoas asistentes recibiron orientación sobre boas prácticas ambientais e tiveron ocasión de aprender a interpretar a biodiversidade presente no entorno natural.
Dende a UNED de Lugo, queremos agradecer a ampla participación nesta xornada de sensibilización ambiental e reforzar o noso compromiso coa educación para o desenvolvemento sostible, a través de iniciativas que favorezan un maior vínculo coa natureza.