A UNED de Lugo e a Fundación Breogán visitan o Sur da provincia con paradas no colexio da Asunción de Sarria e o colexio Plurilingüe de Monforte de Lemos co proxecto Ningún Aro Sen Rede.

Ningún Aro Sen Rede, un proxecto que xorde da alianza entre a UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution proseguiu coa edición 2024/2025 achegándose aos colexios CPR plurilingüe nosa Señora da Asunción de Sarria e ao CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos.

A iniciativa xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles por ser feitas a partir de residuos de redes de pesca.

Durante o desenvolvemento do proxecto, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade e animar ao alumnado a participar activamente no mesmo mediante a reciclaxe de material de escritura.

A primeira parada foi en Sarria, onde os estudantes do primeiro curso de Educación Primaria asistiron á actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Luis Abel, e o biólogo da UNED, Alejandro Rodríguez, en compañía da mascota do Club Baloncesto Breogán, Maximus.

A segunda parada foi no CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos, onde agardaba o alumnado de cuarto curso de Educación Primaria, tendo a oportunidade de coñecer a Máximus e aos integrantes da expedición de Ningún Aro Sen Rede.

Durante o transcurso da actividade, Luis Abel e Alejandro Rodríguez expuxeron o obxectivo do proxecto, explicando o proceso de elaboración das redes de Ecoballution e a relevancia de promover a reciclaxe que facilite a xestión de residuos, así como un segundo uso dos mesmos. Logo dunha breve introdución teórica, comezou a parte lúdica da xornada, na que os estudantes e mestres participaron en competicións de baloncesto nas que obtiveron agasallos que manteñen a filosofía sostible do proxecto e que foron entregados polo club e pola universidade.

Esta iniciativa, aspira a ser un exemplo de economía circular, fomentando e difundindo algúns dos principios e valores recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.