A UNED de Lugo, entre as entidades públicas líderes en acción climática en España, segundo o informe Carbon Integrity Index 2025

O Observatorio de Acción Climática (OAC) presentou o Informe Carbon Integrity Index de Organizacións Públicas de España 2025, no que recoñece ás entidades máis destacadas na loita contra o cambio climático e a descarbonización do país. Este informe avalía as accións ambientais de organizacións públicas utilizando información dispoñible no Rexistro de Pegada de Carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
A avaliación, realizada coa metodoloxía Carbon Integrity Index, desenvolvida polo OAC en colaboración co Equipo Pegada de Carbono da Universidade Politécnica de Madrid, identifica aquelas entidades que rexistraron avances significativos na redución das súas emisións.
Entre as 66 organizacións públicas líderes identificadas, destaca a UNED de Lugo, recoñecida como unha das institucións máis comprometidas coa sustentabilidade e a transición cara a unha sociedade libre de emisións. Este recoñecemento sitúa á UNED de Lugo como un referente nacional no proceso de descarbonización dentro do sector público.
Asemade, cómpre salientar que a UNED de Lugo lidera un proxecto de alcance estatal no que participan centros asociados de toda España co obxectivo de calcular e reducir a súa pegada de carbono, promovendo a transformación sustentable da rede universitaria pública a distancia. Esta iniciativa enmárcase na súa colaboración co Vicerreitorado de Sostibilidade da UNED, con quen desenvolve outras actuacións estratéxicas neste ámbito, converténdose así nun referente en toda a universidade no compromiso coa loita contra a crise climática.
Nun contexto de emerxencia climática, a UNED de Lugo, a través dos seus esforzos de educación ambiental e a súa traxectoria en sustentabilidade, confórmase como referente do sector público na adopción de boas prácticas ambientais.
Equipo ambiental da UNED de Lugo integrado por Ana Traseira, directora da UNED de Lugo, Paula Moure, bióloga ambiental e coordinadora do proxecto #LugoNaturalMente e Alejandro Rodríguez, biólogo ambiental do proxecto