A UNED de Lugo participa na primeira Xornada Redes STEMbach organizada pola Consellería de Educación

A UNED de Lugo estreouse no programa STEMbach tras a recente sinatura da súa adhesión ao convenio promovido pola Xunta de Galicia. Este debut tivo lugar na primeira edición da “Xornada Redes STEMbach”, organizada pola Consellería de Educación no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.
No marco da xornada, a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, participou na mesa redonda “Vantaxes e retos do STEMbach” (Mesa redonda coas universidades-CIEDix), un espazo onde se analizaron as oportunidades e desafíos do programa. A mesa foi moderada por Lorena Barbeito, Secretaria do Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste espazo de debate participaron Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo; Maite Flores, delegada do reitor para o Ensino Medio da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña (UdC).
A participación nesta xornada reforza o compromiso da UNED de Lugo co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e a colaboración entre institucións educativas, marcando un fito na súa contribución ao desenvolvemento formativo de Galicia.