A UNED de Lugo reúne a 358 persoas nunha charla sobre envellecemento activo e saudable

A UNED de Lugo celebrou unha nova actividade dentro do ciclo “Saúde e Coidados” baixo o título “Envellecemento Activo e Saudable”, que contou coa participación de 358 persoas en formato presencial, en liña en directo e en diferido.

A sesión foi impartida polas psicólogas de AFALU, Fabiola Fernández Redondo e Jessica Díaz García, quen abordaron dun xeito próximo e accesible o proceso de envellecemento, os seus efectos a nivel físico, mental e social, e ofreceron pautas para fomentar unha vida autónoma, saudable e participativa na vellez.

Durante o encontro analizáronse aspectos como os cambios sensoriais e funcionais asociados á idade, a importancia dunha boa alimentación, a actividade física regular, a saúde mental e a participación activa na comunidade. Tamén se reflexionou sobre os retos actuais do envellecemento activo, como o idadeísmo e as barreiras sociais que aínda afrontan as persoas maiores.

Esta actividade enmárcase no compromiso da UNED de Lugo coa promoción da saúde e o benestar ao longo de todas as etapas da vida, contribuíndo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible mediante a formación e sensibilización da cidadanía.