Sonia Calaza e Manuel Seoane abren a formación sobre facilitación xudicial na UNED de Lugo

A ponencia inaugural do curso “O acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento” correu a cargo de Sonia Calaza López, catedrática de Dereito Procesual da UNED, e de Manuel Seoane Mera, responsable do Programa de Acceso á Xustiza de FADEMGA Plena Inclusión Galicia. Ambas intervencións puxeron o foco na necesidade dunha xustiza máis accesible e comprensiva, destacando o papel esencial da figura do facilitador xudicial.
Este curso pioneiro, impulsado pola UNED de Lugo, FADEMGA e a Asociación Xustiza e Diversidade, desenvolverase ata o 15 de maio de 2025 e conta coa participación de profesionais do ámbito xurídico, social e penitenciario, así como de persoas usuarias do servizo de facilitación xudicial que achegan a súa experiencia directa.
A actividade continúa mañá coas intervencións de Pilar García-Puertas Taboada, presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade, e Shaila Varela Romero, facilitadora xudicial e experta en accesibilidade cognitiva.
Aínda é posible matricularse na actividade, que pode seguirse tanto de forma presencial como en liña, en directo ou en diferido, a través da plataforma de extensión universitaria da UNED.
Máis información e matrícula:
https://extension.uned.es/actividad/44467&codigo=EAALJ