A UNED de Lugo, FADEMGA e Xustiza e Diversidade impulsan unha formación pioneira sobre o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual

O curso, que se celebrará do 5 ao 15 de maio de 2025, contará con profesionais do ámbito xurídico, social e penitenciario, así como coa participación directa de persoas usuarias do servizo de facilitación xudicial, visibilizando esta figura clave desde a experiencia persoal.
A UNED de Lugo organiza o curso “O acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento”, unha actividade de extensión universitaria que se desenvolverá entre os días 5 e 15 de maio de 2025. A formación poderá seguirse de forma presencial ou en modalidade en liña, tanto en directo como en diferido, e está en trámite de recoñecemento dun crédito ECTS.
A actividade está promovida en colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a Asociación Xustiza e Diversidade, entidades referentes na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual. O obxectivo do curso é ofrecer ferramentas e coñecementos prácticos que garantan un acceso real e en igualdade de condicións ao sistema xudicial.
O curso está dirixido por Sonia Calaza López, catedrática de Dereito Procesual da UNED, no marco da Rede de Investigación “Alianzas estratéxicas da Xustiza: Educación, Igualdade e Inclusividade”, financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Participarán na formación profesionais de prestixio recoñecido, como:
 
  • Santiago Cruces, Fiscal Delegado de apoio á persoa con discapacidade en Galicia.
  • Pablo Muñoz Vázquez, xuíz de familia nos xulgados de Lugo.
  • Elvira Fernández Domínguez, subdirectora de tratamento do Centro Penitenciario de Monterroso.
  • Pilar García-Puertas Taboada, presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade.
  • Manuel Seoane Mera, responsable do Programa de Acceso á Xustiza de FADEMGA.
  • Shaila Varela Romero, facilitadora xudicial e experta en accesibilidade cognitiva.
  • Mª José Fernández Matías, avogada especialista en familia e discapacidade.
  • Mª Luz Piñón FontaoPilar Bernárdez Pastoriza e Mª Dolores Castromán Souto, expertas por experiencia no acceso á xustiza.
Un dos elementos máis destacados da actividade será a participación directa de persoas usuarias do servizo de facilitación xudicial, que compartirán a súa vivencia en primeira persoa, contribuíndo a visibilizar esta figura esencial para garantir o exercicio real dos dereitos.
Ao longo do curso abordaranse temas como a accesibilidade cognitiva, os axustes de procedemento recoñecidos polas Nacións Unidas, a intervención do facilitador xudicial, a situación das persoas con discapacidade en contextos penitenciarios e os apoios necesarios para facer efectivo o dereito a comprender e ser comprendidas.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso sostido da UNED de Lugo coa xustiza social, a igualdade de oportunidades e os valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, contribuíndo á construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa coa diversidade.
Máis información e matrícula: UNED Lugo e https://extension.uned.es/actividad/44467&codigo=EAALJ