Un proxecto STEM dunha alumna do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, coordinado pola UNED de Lugo recibe unha mención nos premios Stephen Hawking

Un proxecto STEM desenvolvido por Carme Predrouzo Martos, alumna do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, e coordinado por Paula Fernández Moure, bióloga ambiental do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo e experta en conservación da biodiversidade e ornitoloxía, foi recoñecido cunha mención especial nos VII Premios Stephen Hawking, celebrados no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O traballo premiado, titulado “Catálogo de identificación e observación de aves de Lugo”, destaca por combinar ciencia e arte a través de ilustracións científicas realizadas pola propia autora. O proxecto persegue dar a coñecer o rico patrimonio ornitolóxico da contorna de Lugo, promovendo a súa observación e conservación. O xurado destacou a calidade da proposta, o seu enfoque interdisciplinar e o seu valor divulgativo.
Nesta edición, na que se presentaron 54 proxectos, tamén foi distinguido Yago López Núñez, do mesmo centro educativo, polo seu traballo “Influencia da arquitectura orgánica no contexto da cidade de Lugo”.
A participación da UNED de Lugo neste certame, no marco do Programa STEMbach da Xunta de Galicia, reflicte o seu compromiso coa colaboración coa comunidade educativa, co impulso das vocacións científicas e coa posta en valor do talento da mocidade galega.
📸 A coordinadora do proxecto, Paula Fernández Moure, bióloga ambiental do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo, xunto ao tótem expositivo no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde se recolle o traballo galardoado nos Premios Stephen Hawking: “Catálogo de identificación e observación de aves de Lugo”, realizado pola alumna Carme Predrouzo Martos.