O Centro Asociado de la UNED en Lugo celebrou a solemne Apertura do curso académico 2014-15 o pasado día 23 de outubro
O acto foi presidido pola Vicerreitora de Formación Permanente da UNED María del Carmen García Alonso, acompañada polo director da UNED de Lugon José Luis Prieto Arroyo, o edil de Cultura da Deputación Provincial de Lugo Mario Outeiro Iglesias, o Alcalde de Lugo José Clemente López Orozco e o secretario Xeral de Universidades José Alberto Díez de Castro. Á cerimonia asistiron ademais un nutrido grupo de autoridades das diferentes institucións da provincia lucense.
A secretaria do Centro asociado; Ana Belén Traseira Pena de lectura á memoria académica resaltando os case 1.300 alumnos que se matricularon nas ensinanzas reguladas e as 1.172 matrículas que se rexistraron nas actividades de extensión universitaria, alcanzándose así un incremento do 11% no número total de estudantes. Tamén destacou a intensa actividade do Centro nas Redes Sociais, que posúe contas en Facebook, Twitter e Instagram. Ademais, este curso lanzouse a nova web do Centro, que contribuirá a mellorar a calidade da información que se proporciona aos estudantes. Por outro lado, resaltou o compromiso coa calidade do Centro asociado, que posúe dúas acreditacións de calidade e se atopa inmerso nun intenso proceso de mellora continua. Finalmente, agradeceu ás institucións a súa colaboración co Centro, sen a que sería imposible obter tan excelentes resultados.
A continuación, a profesora-doutora en Economía María do Mar Pérez Fra impartiu a primeira lección do curso: “Problemas e perspectivas das áreas rurais. Un achegamento dende a economía”, na que mostrou unha radiografía minuciosa do desenvolvemento rural e o seu impacto económico na última década. Un interesante relatorio que deixo reflexións acerca da suma importancia do peche de ciclos produtivos ou os problemas existentes cos usos das terras en Galicia. Pérez Fra finalizou a súa lección animando á vontade na toma de decisións, porque “o rural será o que queiran os seus habitantes”.
O Director do Centro asociado da UNED en Lugo José Luis Prieto Arroyo agradeceu aos alumnos a súa confianza e o compromiso de todos os presentes por facer da UNED un referente social e académico na provincia. Así mesmo anunciou os presentes que a UNED en Lugo está a traballar en novos proxectos, que verán a luz proximamente, para seguir reforzando a súa decidida aposta polo coñecemento.
Pechou o acto a Vicerreitora de Formación Permanente da UNED María del Carmen García Alonso apelando á enorme importancia da universidade como eixe transformador e de oportunidades para as súas xentes.