The key, la clé, der Schlüssel, il tasto, giltza, la ŝlosilo… Matricúlate no CUID, a chave á comunicación global. Idiomas e horarios en UNED Lugo para o curso 21/22

 

Coñecer, conversar ou ter un título dun ou máis idiomas é a chave que pode abrir as portas a un contrato laboral, facilitar a investigación de fontes orixinais ou viaxar sen barreiras, sexa por traballo ou pracer. O CUID da UNED, cos seus 16 idiomas, abre a súa matrícula o vindeiro luns, día 6 de setembro. Ofrece a posibilidade de estudar de forma semipresencial ou totalmente virtual e hai varios niveis para adaptarse ás necesidades de cada estudante. Non fai falta contar con ningunha titulación previa, aínda que se ofrecen probas previas de nivel gratuítas, os únicos requisitos son ter máis de 16 anos e ganas de aprender un idioma.

Elixe o teu idioma

Na oferta de idiomas atoparás os europeos como alemán, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano, neerlandés, e portugués; as tres linguas cooficiais do Estado, catalán-valenciano, éuscaro, e galego; e as extracomunitarias árabe, chinés, xaponés e ruso. Ademais ofrecemos a lingua internacional esperanto e a lingua de signos española.

“O ano pasado 12.000 estudantes confiaron en nós. Un aumento espectacular de matrículas que demostra que os nosos cursos se adaptan á fórmula precisa para aprender idiomas. Para este curso programamos novos niveis en lingua de signos, en ruso e implantouse a versión A2 de árabe totalmente en liña. Despois dun ano de pandemia esperamos atoparnos cos nosos estudantes de sempre e acoller aos novos con ilusións renovadas”, explica Pilar Rodríguez Arancón, directora do CUID da UNED.

O CUID da UNED imparte 16 idiomas en distintos niveis: alemán, español, francés, inglés, italiano, neerlandés, portugués, árabe, chinés, esperanto, xaponés, Lingua de Signos Española, ruso, catalán-valenciano, galego e éuscaro. Dos cales, inglés, galego, chinés, portugués e alemán impártense no centro de Lugo. Todos os cursos seguen as directrices do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), nos que se traballan o catro competencias comunicativas, compresión e expresión, oral e escrita.

O CUID, independentemente da modalidade de ensino (semipresencial ou exclusivamente en liña), organiza e desenvolve os seus programas nunha contorna virtual. A duración dos cursos para ambas as modalidades de ensino é de novembro a maio de cada curso académico, o que corresponde a 150 horas lectivas.

 

#UNEDLugoNaturalMente