A presidenta da “Asociación española contra el cáncer” e a directora da UNED de Lugo inauguraron a exposición fotográfica “50 Años Cambiando La Historia Del Cáncer””
María Luz Abella García, presidenta da Xunta Provincial de Lugo da Asociación Española Contra el Cáncer, e Ana Belén Traseira Pena, directora do Centro Asociado á UNED en Lugo, inauguraron na sede da UNED de Lugo a exposición fotográfica “50 Años Cambiando La Historia Del Cáncer”.
A exposición, que se poderá visitar ao longo do mes de novembro nas instalacións da UNED, conmemora os 50 anos da Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro. Curiosamente, son os mesmos que cumpre este ano a Universidade Nacional de Educación a distancia, que o celebrará o próximo martes nun acto que contará coa presenza do reitor magnífico da UNED, D. Ricardo Mairal, cunha lección inaugural a cargo da CEO do Grupo Lence, Dª Carmen Lence. O acto incluirá a graduación das persoas que finalizaron a súa titulación nos últimos cursos académicos.
A Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro é, hoxe en día, a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro no noso país e, que grazas aos investigadores e a toda a sociedade que apoia esta misión, forma parte de todos os avances que se conseguiron ata agora da man de miles de investigadores que coa Asociación Española Contra el Cáncer participaron do cambio da historia do cancro.
A Exposición fotográfica “50 Años Cambiando La Historia Del Cancer” (#investigandoencáncer) constitúe unha oportunidade para descubrir como é un laboratorio a través das imaxes realizadas polo fotógrafo Míchelo Toro, e os resultados de investigación en cancro máis destacados dos últimos anos que contaron co apoio da Asociación Española contra o Cancro.
Esta actividade nace froito dun convenio asinado entre ambas as dúas entidades no mes de setembro e é unhas das moitas que se van realizar ao longo do curso académico.
Durante o curso 22-23, a través do seu proxecto “UNEDLife: Deporte e Saúde”, no ámbito da cal se atopa este convenio de colaboración, a UNED dará coñecer e tratará de contribuír á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible Nº3 da Axenda 2.030 da ONU, Saúde e Benestar, que ten como fin garantir unha vida sa e promover o benestar para todos/ás en todas as idades.
Recordamos que o prazo de matrícula na UNED continúa aberto ata o próximo martes, día 8 de novembro.
#UNEDLugoContraelCancer #Somos2030 #LugoNaturalMente #UNED50