A UNED de Lugo ofrece unha conferencia sobre o “Día Mundial do Medio Ambiente: sen contaminación por plásticos”

Esta conferencia proporcionaranos formación sobre a problemática da contaminación por plásticos e o seu impacto no medio ambiente, ademais de consellos para reducir o seu uso e contribuír a unha causa global. Nela participarán Patricia Reina Toresano e Fernando Gómez Soria, coautora e coautor do libro “Vivir sin plástico” e fundadores da ONG co mesmo nome (https://vivirsinplastico.com/). A través das súas redes sociais (https://instagram.com/vivirsinplastico?igshid=MzRlODBiNWFlZA) ofrecen alternativas, acollen a personaxes implicados coa causa e dan visibilidade á problemática da contaminación por plástico. Durante o curso organizado pola UNED de Lugo explicarán ao público a súa traxectoria persoal cara a unha vida sen plásticos e darán consellos sobre como reducir o seu uso e contribuír a unha causa global. A conferencia, mediada pola directora do centro, Ana Traseira, será retransmitida en directo na súa canle oficial de YouTube. Durante a mesma, as persoas matriculadas terán a oportunidade de realizar preguntas aos relatores e resolver as súas dúbidas.

Realizarase de forma online, en directo ou diferido, o 5 de xuño, ás 18:00 horas.  

Máis información e matrícula:

https://extension.uned.es/actividad/idactividad/31687  

Cada ano prodúcense a nivel mundial máis de 400 millóns de toneladas de plástico, a maior parte concibida para unha vida útil dun só uso. Aproximadamente o 6% destes refugallos plásticos terminan en mares, ríos e lagos contaminando non so a auga e o aire que respiramos, senón tamén os alimentos que inxerimos. Estímase que ao longo dun día inxerimos unha cantidade de microplásticos equivalente a unha tarxeta de crédito.

Como cada 5 de xuño dende 1972 celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. As Nacións Unidas, con motivo da crecente problemática, designou como tema do presente ano 2023 “Sen contaminación por plásticos” lanzando á poboación unha mensaxe de emerxencia climática.

Para contribuír na divulgación desta causa e visibilizar o Día Mundial do Medio Ambiente, a UNED de Lugo creou unha infografía con pequenos consellos para incorporar nas nosas vidas cotiás e evitar a contaminación. Estes consellos van dende unha cociña ecolóxica, pasando por un baño sen plástico, até unha menstruación sustentable. Poden atoparse na súa páxina web official e a través de todas as súas redes sociais.

Por último, dentro do programa #ODS2.0 e co motivo do Día do Medio Ambiente, o centro realizará unha peza audiovisual co Club Monte Penarubia, mediante o cal transmitirán unha mensaxe de concienciación ambiental a través da práctica do deporte na natureza.

Mediante esta iniciativa, a UNED de Lugo pon de manifesto a importancia de tomar medidas ambientais transformadoras para combater a contaminación por plásticos e anima á sociedade lucense, a través dunha mensaxe de concienciación, a tomar acción na causa.