Mañá arrinca a iniciativa Lugopoética promovida polo colectivo Egeria, a Uned de Lugo e a Xunta de Galicia

O colectivo Egeria, a UNED e a Xunta poñen en marcha Lugopoética para impulsar novos talentos da man de poetisas e poetas e poetisas consagrados. Lugopoética 2024 e un proxecto que, a través dun destacado ciclo de encontros literarios, ten como obxectivo impulsar o talento poético galego. Este proxecto, que comeza este xoves con destacadas figuras como Marica Campo e Eva Teixeiro, é unha clara mostra do compromiso da UNED coa promoción cultural e educativa na rexión.

Os encontros celebraranse ao longo do primeiro semestre do ano, sempre en xoves e en horario de 18,30 a 20,30 horas. Darán comezo esta semana, o día 29, coa intervención de Marica Campo e Eva Teixeiro.

O 14 de marzo participarán Lois Pérez Díaz e Daniel Irimia; o 4 de abril, María Xosé Lamas e Brenda Mondelo; o 25 do mesmo mes, Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela; o 9 de maio Olga Novo e Cristina Corral e o 6 de xuño pecharán a programación Mero Iglesias e Francisco Javier Neira Pampín.

Na presentación da actividade, celebrada onte, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou que esta iniciativa “é moi interesante na medida en que, a través dela, inducimos ao coñecemento e á experiencia literaria de autoras e autores consagrados a xeracións máis novas de creadoras e creadores que están asegurando o futuro da literatura en lingua galega”.

Ademais, interviron o presidente de Egeria, Xulio Xiz, a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e a secretaria territorial da Delegación, Marta Barreiro, e algúns dos poetas implicados na iniciativa, entre outros.

Este ciclo constitúe “unha ponte entre xeracións literarias” que busca “dar visibilidade aos novos valores da poesía en lingua galega, facilitando un diálogo enriquecedor entre autores consagrados e emerxentes”.

O ciclo será aberto ao público e desenvolverase no salón de actos do centro universitario. Tamén será accesible a través da súa canle de Youtube, tanto en directo como en diferido. As persoas que se matriculen gratuitamente na web da UNED recibirán en cada cita un recordatorio coa ligazón para poder conectarse.

A directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, enfatizou a importancia deste evento non só como unha celebración da poesía galega senón tamén como unha oportunidade educativa única para os estudantes e a comunidade en xeral e que constitúe unha aposta decidida da UNED pola promoción da lingua e da cultura galega.

Os encontros, que se estenderán ao longo do primeiro semestre do ano, prometen ser un punto de encontro imprescindible para os amantes da literatura, reafirmando o papel da UNED en Lugo como un centro vital para a cultura e a educación na rexión.