A UNED de Lugo e a Fundación Breogán, acompañados de Dragan Apić, visitan o Colexio Cervantes co proxecto Ningún Aro Sen Rede

Ningún Aro Sen Rede, un proxecto que xorde da alianza entre a UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution continuou coa súa nova edición achegándose ao colexio CPR Plurilingüe Cervantes.
A iniciativa xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles por ser feitas a partir de residuos de redes de pesca.
Durante o desenvolvemento do proxecto, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade e animar ao alumnado a participar activamente no mesmo mediante a reciclaxe de material de escritura.
Nesta cita, 45 estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria asistiron á actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Luis Abel, e a directora da UNED, Ana Traseira, en compañía do pivote do Club Baloncesto Breogán, Dragan Apić.
Durante o transcurso da actividade, Luis Abel e Ana Traseira expuxeron o obxectivo do proxecto, explicando o proceso de elaboración das redes de Ecoballution e a relevancia de promover a reciclaxe que facilite a xestión de residuos, así como un segundo uso dos mesmos. Logo dunha breve introdución teórica, comezou a parte lúdica da xornada, na que os estudantes participaron en competicións de baloncesto nas que obtiveron agasallos que manteñen a filosofía sostible do proxecto e que foron entregados polo club e pola universidade.
Esta iniciativa, aspira a ser un exemplo de economía circular, fomentando e difundindo algúns dos principios e valores recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.