A UNED de Lugo e a Fundación Breogán visitan a Mariña Lucense co proxecto “Ningún aro sen rede” facendo visita a dous centros educativos

Ningún Aro Sen Rede, un proxecto da UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution, xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles.

Mediante esta iniciativa, activa dende o curso 2022-2023, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para por en marcha a actividade, e onte foi a quenda de dous colexios da Mariña Lucense, o CEIP Gregorio Sanz en Ribadeo, e o CEIP San Cosme en Barreiros.

A primeira parada foi no CEIP Gregorio Sanz, onde agardaban os estudantes de 6º de primaria para facer a actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Salvador Arco, e a bióloga ambiental da UNED, Paula Fernández Moure.

A segunda parada foi no CEIP San Cosme, onde se xuntaron os rapaces e rapazas de distintos niveis educativos e tiveron a oportunidade de coñecer a Máximus, mascota do Club de Baloncesto Breogán.

Durante o transcurso da actividade, Salvador e Paula explicaron en que consiste o proxecto, dende o material do que están feito as redes de Ecoballution ata a importancia da reciclaxe do material escolar. Despois da parte teórica  pasaron á parte lúdica da visita, onde profesorado e estudantes  puideron participar en competicións de baloncesto para conseguir distintos agasallos proporcionados polo club e a universidade.

Trátase dunha pequena acción que pretende ser exemplo de economía circular, fomentando e respectando algún dos principios e valores da Axenda 2030 da ONU.