O catedrático e membro do Grupo Asesor Europeo en Ciencia e Tecnoloxía da Oficina De Nacións Unidas para a Redución de Risco de Desastres (UNDDR), Urbano Fra Paleo, impartiu na UNED a conferencia “Os múltiples nomes do desastre. Como nos pomos de acordo coa terminoloxía?”

O catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Estremadura Urbano Fra Paleo impartiu na UNED a conferencia “Os múltiples nomes do desastre. Como nos pomos de acordo coa terminoloxía?

Urbano Fra investiga sobre gobernanza do risco de desastres e publicou os textos Risk governance. The articulation of hazard, politics and ecology (Springer) e Building safer communities. Risk governance, spatial planning, and responses to natural hazards (IOS Press). O profesor do Departamento de Arte e Ciencias do Territorio é tamén experto do grupo asesor de Nacións Unidas para Europa (E-STAG) da Oficina das Nacións Unidas para Redución de Risco de Desastres (UNDRR, polas súas siglas en inglés), e asesor externo do Comité Científico de Riscos para a Saúde e o Medio Ambiente (SCHEER polas súas siglas en inglés) da Comisión Europea.

Na Comisión Económica das Nacións Unidas para Europa (CEPE, UNECE polas súas siglas en inglés), copreside un grupo de traballo que promove a definición de indicadores e estatísticas para a medida do risco de desastres e que permitan identificar que datos deben ser recolleitos e de que maneira. Así mesmo, e en colaboración coa Oficina das Nacións Unidas para a Redución de Risco de Desastres, contribuíu á elaboración dun catálogo de todos os perigos identificados. Como continuación deste traballo, Urbano Fra colaborou nun informe técnico sobre a clasificación e a definición mediante descritores dos perigos, recentemente publicado pola Oficina das Nacións Unidas para a Redución do Risco de Desastres e o Consello Científico Internacional. O obxectivo é que cada perigo teña asociado un único descritor para estandarizar a súa identificación.

Nesta presentación falou dos diversos termos que utilizamos para referirnos ás dimensións do risco de desastres, así como da necesidade de estandarizar a linguaxe para homoxeneizar a recompilación de datos a escalas estatal e global e adoptar políticas para a redución do risco baseadas no coñecemento. Un exemplo é a Clasificación de Perigos realizada no marco da Oficina para a Redución do Risco de Desastres de Nacións Unidas en 2021, no que se identifican, clasifican e describen 302 perigos que poden desencadear en desastres. Con isto conséguese que cada perigo teña asociado un único descritor para estandarizar a súa identificación, contribuíndo ao avance na gobernanza do risco de desastres.