A UNED de Lugo únese á “Gran recollida 2023” impulsada pola Federación de Bancos de Alimentos e a Cátedra Banco de Alimentos da UPM

A actividade, impulsada desde a Oficina Universitaria de Aprendizaxe-Servizo e aberta á participación do alumnado da UNED de Lugo e de outros 4 centros da UNED (de Denia, Illes Balears, Pamplona e Ceuta), supón a participación nun seminario formativo e no proxecto de voluntariado que terá lugar os días 24 a 26 de novembro.

A Cátedra Banco de Alimentos FESBAL-UPM organiza un ano máis a actividade que vira ao redor da Gran Recollida de Alimentos  posta en marcha pola Federación Española de Banco de Alimentos (FESBAL). Nesta ocasión uniuse a UNED de Lugo, así como a UNED de Denia, Illes Balears, Pamplona e Ceuta. Así mesmo, no proxecto participan outras Universidades como a Universidade Europea de Madrid e a Universidade Francisco de Vitoria.

Para participar nesta actividade é necesario completar o formulario de inscrición en Banco de Alimentos https://donaciones.fesbal.org/voluntariado-gr2023, e tamén inscribirse no seu propio centro asociado para recibir un certificado ApS como persoa colaboradora na seguinte ligazón https://forms.office.com/e/7Tu1fSX96z

Nesta acción deseñada desde o enfoque da Aprendizaxe-Servizo o estudantado poderán coñecer os principios para o Investimento Responsable na Agricultura (IRA) do Comité de Seguridade Alimentaria Mundial (CSA) e participar no proxecto de voluntariado da Gran Recollida de Alimentos. En concreto, participarán nun SEMINARIO dunha hora de duración sobre o consumo responsable e sustentable, os obxectivos de FESBAL e os Bancos de Alimentos na loita contra o desperdicio alimentario, a súa relación cos ODS e os principios CSA-IRA. Doutra banda, o estudante terá que participar, polo menos, 4 horas no proxecto da Gran Recollida de Alimentos que se celebra en numerosos supermercados os días 24, 25 e 26 de novembro. A dedicación total da actividade será dunhas de 5 horas.

Asemade, a UNED de Lugo actuará como punto de recollida de alimentos. Será posible doar alimentos non perecedoiros que o Banco de Alimentos de Lugo xestionará coas persoas máis necesitadas. O período de recollida estenderase desde o 24 de novembro ao 1 de decembro.