A UNED presenta a súa oferta académica e de servizos no Colexio Diocesano de Lugo

A UNED en Lugo presentou a súa oferta académica e de servizos ao alumnado de primeiro e segundo de bacharelato do Colexio Diocesano de Lugo. Esta iniciativa xorde tralo convenio de colaboración asinado o pasado mes de decembro para a cesión, por parte do Colexio Diocesano, dos seus laboratorios, cesión coa que os alumnos da UNED en Lugo se verán beneficiados na realización de prácticas obrigatorias.

A actividade, levada a cabo pola directora, Ana Belén Traseira, así como pola súa coordinadora académica, Trinidad Veiga, realízase no marco das tarefas de difusión e posta en valor das actividades formativas e de desenvolvemento cultural que esta Universidade realiza, e que benefician á comunidade educativa de Lugo e da súa provincia.

Tamén confirma a aposta desta Universidade por unha educación próxima, flexible e de calidade, que permite a aqueles estudantes que decidan emprender estudos universitarios apoialos na consecución dos seus obxectivos. Ese mesmo compromiso amosou o Colexio Diocesano coa proposta desta iniciativa entre o seu alumnado.