A Xunta Reitora da UNED de Lugo aprobou o orzamento do centro para o exercicio 2024 e a liquidación do exercicio 2022
A Xunta Reitora da UNED de Lugo 2024, que preside presidente da Deputación de Lugo, don José Tomé, aprobo o orzamento para o vindeiro exercicio, que ascende a 1.055.176,56€.
Á xuntanza asistiron ademais do presidente do ente provincial, a alcaldesa do Concello de Lugo, dona Lara Méndez, o vicerreitor adxunto de Centros Asociados, don Íñigo Tejera, o secretario xeral de universidades, don José Alberto Díez, a tenente de alcalde do concello de Monforte de Lemos, dona Gloria Prada, a representante do profesorado, dona Reyes Rodríguez, o representante do persoal, Carlos García, a directora da UNED de Lugo, dona Ana Traseira e o secretario da UNED de Lugo Alejandro Prieto.
Na reunión tratáronse outros puntos coma a liquidación das contas do exercicio 2022, a aprobación dun convenio para o cálculo do retorno da inversión (SROI) co catedrático do Departamento de Teoría Económica e Economía Matemática da UNED, don José María Labeaga Azcona, autor doutro estudo que situou o retorno social da UNED de Lugo en 6,41 euros por cada euro investido.
Tamén, a directora da UNED informou á xunta reitora do balance do curso pasado, onde se conseguiron manter os niveis de matrícula e incluso superalos no caso da UNED Sénior onde se incrementou un 68% o alumnado e en extensión universitaria, onde se acadaron 8.249 matrículas, un 30% máis que no curso anterior. Tamén, a directora deu conta dos resultados do proxecto #UNEDLife, agradecendo o traballo do comité técnico do proxecto, integrado por Sara Meijide, periodista da Cadena Ser, Salva Arco, director da Fundación Breogán, Carlos García, xestor de administración da UNED de Lugo e Ana Traseira, directora da UNED de Lugo e a colaboración de todas as entidades deportivas, profesionais da saúde, restaurantes, … que participaron no proxecto.
Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade de todos os asistentes.
Finalmente, a directora recordou que o pasado mes de xuño se cumpriron 15 anos da apertura das portas da UNED de Lugo e, dende o centro, pretenden encher de contido e actividades esta conmemoración.
Tamén, lembrou que neste momento e ata o 23 de outubro estará aberto o prazo de matrícula, recordando que na UNED non hai límite de prazas nin nota de corte para o acceso.
Ao rematar a alcaldesa do Concello de Lugo, tomou o relevo, como presidenta da xunta reitora, que se estableceu cunha rotación cada dous anos entre o Concello e a Deputación de Lugo.