UNED LUGO colabora coa Fundación Breogán e a Xunta de Galicia no Proxecto A-VÓS para promover a inclusión e o benestar das persoas maiores

A UNED de Lugo, nunha notable mostra de compromiso social e académico, colabora coa Fundación Breogán e a Xunta de Galicia no innovador proxecto “A-VÓS” a través dun proxecto de aprendizaxe servizo. Este proxecto, coordinado pola titora María Isabel Flórez, intégrase no marco da materia “Técnicas de Intervención Cognitivo Conductuais” e contribuirá á formación de dúas alumnas do Grao en Psicoloxía, achegando un enfoque práctico e comunitario ao seu aprendizaxe.

O proxecto “A-VÓS”, dirixido a persoas maiores de 65 anos, céntrase en combater o illamento e promover unha inclusión plena na sociedade. Grazas á colaboración entre entidades educativas e organizacións do terceiro sector, o proxecto benefíciase dun enfoque integral que favorece a aprendizaxe significativa e o desenvolvemento de habilidades prácticas nos estudantes, como o traballo en equipo, o pensamento crítico e a comunicación efectiva, desde unha perspectiva da ética e da responsabilidade social.

Os obxectivos do proxecto abranguen desde a mellora das competencias e habilidades profesionais específicas en Psicoloxía, ata o fomento do benestar das persoas maiores a través de obradoiros de estimulación cognitiva e mental. As actividades propostas, como o adestramento en atención plena e exercicios de memoria, non só pretenden enriquecer a experiencia académica das alumnas participantes, senón tamén contribuír significativamente á calidade de vida das persoas participantes do proxecto.

A implicación da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, subliña o apoio institucional cara este tipo de iniciativas que estreitan lazos entre a universidade e a comunidade, evidenciando o potencial dos proxectos de aprendizaxe servizo para xerar un impacto social positivo.

O proxecto “A-VÓS” é un claro exemplo de como a colaboración entre distintos sectores pode enriquecer a experiencia educativa dos estudantes ao mesmo tempo que achega solucións creativas a problemas sociais, promovendo un envellecemento activo e saudable dentro da comunidade.