Comeza a Semana da Nena e a Ciencia na UNED de Lugo

A UNED de Lugo celebra do 8 ao 14 de febreiro a Semana da Nena e a Ciencia co fin inspirar a mulleres e nenas na súa vocación científica e para lograr o seu acceso e participación plena e equitativa na ciencia.

Para iso, a UNED dedicará cada día desta semana a unha muller científica, co obxecto de dar a coñecer o seu traballo e a contribución das súas investigacións a mellorar a calidade de vida e a sociedade na que vivimos.

Ademais, o xoves día 11 de febreiro, coincidindo coa celebración do día da Nena e a Ciencia, entrevistaremos en directo a catedrática de Química Inorgánica e Vicerrectora Primeiro da UNED, Rosa Martín Aranda, para falar entre outras cousas do fomento das vocación científicas entre as nenas. A entrevista poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da UNED de Lugo, no seguinte enlace  https://youtu.be/byxZnFTY9w0.

Darase a coñecer o labor das seguintes mulleres científicas:

Luns: LISE MEITNER (FÍSICA)

Descubriu e explicou o funcionamento da fisión nuclear. Así mesmo, descubriu o elemento Protactinio xunto ao seu compañeiro de laboratorio, Otto Hann.

Debería recibir un Premio Nobel, o cal non foi posible debido á súa condición de muller.

A súa mente brillante tróuxonos unha nova forma de enerxía e cambiou a física para sempre.

Martes: ROSALYN YALOW (física médica)

Rosalyn Yalow naceu en Nova York no ano 1921. Dende pequena foi unha loitadora, comprendendo o que era o traballo duro axudando á súa nai na fábrica de prendas para o colo e así poderse pagar a súa ortodoncia.

Obtivo o título do seu doutorado pola Universidade de Illinois, e deseguido púxose a traballar en física nuclear. Concretamente no Centro Médico de Veteranos do Bronx, onde converteu un antigo cuarto de baño para o conserxe nun dos primeiros laboratorios de radioisótopos de Estados Unidos, e no cal estableceu unha grande amizade co seu compañeiro de laboratorio Solomon Berson.

Xuntos crearon un novo método moi sensible co que medir a cantidade de hormonas presentes no corpo. A súa técnica de radioinmunoensaio (RIA, siglas en inglés) aínda se utiliza para mellorar o noso coñecemento sobre as hormonas e para detectar diferentes enfermidades relacionadas con estas.

Gañou o Premio Nobel de medicina no ano 1977. O seu traballo impulsou o estudio da endocrinología e continúa salvando vidas hoxe en día.

Mércores: ADA LOVELACE (matemática e escritora)

Deseñou unha forma para programar a máquina analítica, usando tarxetas perforadas cunha secuencia gradual de números racionais chamada números de Bernoulli. Este é considerado o primeiro programa de ordenador da historia!

Ada foi unha auténtica visionaria, e hoxe en día segue sendo unha inspiración. O seu nome pasou a ser unha chamada de atención e unha proba de que as mulleres poden lograr grandes cousas nos campos da tecnoloxía.

Xoves: ROSA MARTÍN ARANDA (catedrática de Química Inorgánica e vicerrectora primeira da UNED)

Catedrática de Química Inorgánica; Vicerreitora de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica e Vicerreitora Primeira (UNED). Posúe unha sólida carreira docente e investigadora, orientada firmemente á Sostibilidade na Ciencia e na Educación. Autora de máis de 100 publicacións científicas relacionadas coa química e o medio en revistas internacionais de alto índice de impacto. Membro da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible. Participa activamente en congresos internacionais, sendo galardoada, en 2004, pola súa innovación en temas de sostibilidade no Congreso Internacional de Química Verde.

Así mesmo, tamén realizou labores de xestión universitaria: Directora de Publicacións da UNED (1996-98), responsable da editorial UNED durante dous anos. Tamén participou durante máis de 15 anos consecutivos na Semana da Ciencia da Comunidade de Madrid, e en proxectos FECYT para divulgar a ciencia en toda España.

No ano 2018, foille outorgado o Premio á Divulgación Científica Banco de Santander 2018.

Venres: ROSALIND FRANKLIN (química e cristalógrafa de rayosX)

Foi na Universidade de Cambridge onde obtivo un doutorado en Química Física. Aprendeu cristalografía de raios X en Francia.

Realizou un labor crucial para o coñecemento das estruturas moleculares do ADN, ARN, os virus, o carbón e o grafito. Por exemplo: foi pioneira na investigación do virus do mosaico do tabaco e o da polio; e investigou sobre as calidades do carbón vexetal para que fose utilizado nas máscaras de gas durante a II Guerra Mundial.

Rosalind é recordada como a muller que debería gañar un Premio Nobel (o cal foille arrebatado por 2 compañeiros que utilizaron os seus achados sen o seu permiso para publicar o seu propio traballo sen outorgarlle a ela ningún crédito).

Sábado: MARÍA JOSÉ ALONSO (catedrática de Farmacia)

Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela, ao longo da súa carreira científica María José Alonso traballou en universidades prestixiosas como a Universidade de París Sur e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT). Dende 1992 lidera na USC un grupo de investigación pioneiro en España no ámbito da nanomedicina e nos sistemas de liberación de fármacos e vacinas. No ámbito das vacinas, a doutora Alonso foi pioneira no desenvolvemento de vacinas que achegan unha resposta inmune duradeira grazas ao uso de partículas biodegradables que controlan a súa liberación ao sistema inmune. Ao longo da última década, traballou en colaboración con grupos americanos, canadenses e europeos no desenvolvemento dunha vacina fronte ao VIH. Ela e o seu equipo foron galardoados con numerosos premios de investigación por parte de asociacións científicas, revistas científicas e fundacións.

É Académica de Numero da Real Academia de Farmacia de Galicia, da Real Academia Nacional de Farmacia e da Real Academia Galega de Ciencias. Destaca o seu nomeamento como membro da National Academy of Medicine de Estados Unidos (NAM) (só existen dous académicos residentes en España).

En xullo do ano 2020, foi distinguida coa ‘Medalla ao Mérito na Investigación e na Educación Universitaria’, na súa categoría de Prata, un recoñecemento honorífico que distingue as persoas e entidades que destacaron de modo eminente no desenvolvemento e fomento da educación universitaria e da investigación científica e técnica.

Domingo: RITA LEVI (neuróloga e senadora italiana)

Graduouse con matrícula de honra na Facultade de Medicina. Montou un laboratorio improvisado no seu dormitorio e empezou a súa investigación: quería saber por que e como se desenvolven as células nerviosas, constituíndo este traballo a base de toda a súa carreira.

Posteriormente, ao finalizar a guerra, retornou ao mundo científico oficial e combinando a investigación coa docencia na Universidade de Washington en San Luis, Misuri.

Durante eses 30 anos realizou unha importante investigación sobre os mastocitos humanos e a súa relación co factor de crecemento, unha proteína que regula o crecemento do nervio e mantén sas as nosas neuronas.

Rita recibiu o Premio Nobel de 1986 de Medicina. Así mesmo, chegou a ser senadora vitalicia no Goberno italiano, onde loitou pola igualdade civil e fomentou a ciencia.

DÍA DA NENA E A CIENCIA

A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Nos últimos 15 anos, a comunidade internacional fixo un grande esforzo para inspirar e promover a participación das mulleres e as nenas na ciencia. Non obstante, as mulleres seguen atopando obstáculos para desenvolverse no campo da ciencia.

A fenda de xénero nos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) persiste dende hai anos en todo o mundo. A pesar de que a participación das mulleres nas carreiras de grao superior aumentou enormemente, estas aínda se atopan insuficientemente representadas nestes campos.

Na actualidade, menos do 30 por cento dos investigadores en todo o mundo son mulleres. Segundo datos da UNESCO (entre 2014 e 2016), solo arredor do 30 por cento de todas as estudantes escollen estudios superiores dentro do campo das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e matemáticas (STEM). No todo o mundo, a matrícula de estudantes femininas é particularmente baixa no campo da tecnoloxía da información e as comunicacións (TIC), cun tres por cento; ciencias naturais, matemáticas e estatísticas, cun cinco por cento, e en enxeñaría, manufactura e construción, cun oito por cento.

Os prexuízos e os estereotipos de xénero que se arrastran dende hai moito tempo continúan mantendo as nenas e mulleres afastadas dos sectores relacionados coa ciencia. O mundo debuxado na pantalla non dista moito do mundo real. Un estudio realizado en 2015 polo Instituto Geena Davis titulado “Gender Bias Without Borders” (Prexuízos de xénero sen fronteiras) mostra que a representación nas grandes pantallas de mulleres que traballan no campo das ciencias se limita só a un doce por cento.

Co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar en 2016 (resolución A/RES/70/212 ) o 11 de febreiro como o Día Internacional de la Mujer y la Niña en la Ciencia.

Consulte toda a información sobre a  Semana da Nena e a Ciencia en Portal UNED.