A UNED de Lugo fai balance da súa actividade neste mes de confinamento

Dende o inicio do estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo, o persoal do Centro asociado á UNED en Lugo, en colaboración co persoal de administración e servizos das súas Aulas Universitarias de Foz, Monforte e Viveiro, desempeñou unha importante labor de coordinación, xestión e control do total das 476 titorías que se viñeron impartindo en Webconferencia polos profesores titores/ás deste Centro asociado e as súas Aulas.

Estes, demostrando un enorme compromiso co seu labor, seguiron mantendo a atención aos seus alumnos/ás, tanto os conectados en directo, 396, como aqueles outros que o fixeron en diferido, un total de 108 alumnos/ás. A devandita atención víase ampliada ademais coa resposta ás consultas dirixidas a través do correo electrónico, así como nos foros das respectivas materias, tanto por parte dos profesores titores coma dos seus equipos docentes.

En materia de extensión universitaria, no Centro puídose concluír con normalidade as seguintes actividades xa empezadas antes da crise do COVIDE-19

  • Seminario de Intervencións Asistidas con Animais. Con 19 participantes. Do 21 de febreiro ao 28 de marzo de 2020
  • Mediación Civil, Familiar Y Comunitaria (2ª edición). Con 20 participantes. Do 2 ao 30 de marzo de 2020.
  • Programa Superior en Habilidades de Comunicación (2ª edición). Con 16 matriculados.

Outras actividades modificaron a modalidade na que se impartían ao ter que ser suprimida a súa parte presencial, pero celebráronse integramente dende que se declarou o estado de alarma.

  • A Contratación no Sector Público. Con 85 persoas matriculadas. Celebrado do 23 ao 26 de marzo de 2020.
  • Criminalística aplicada á Violencia Contra as Mulleres. Con 58 estudantes matriculados. Celebrado os días 4, 6, 7 e 8 abril.

Con iso 212 persoas beneficiáronse das actividades impartidas nestas primeiras semanas de confinamento.

Percíbese un crecente interese polas actividades formativas de extensión universitaria nesta tempada. Parece que os cidadáns/ás queren sacar rendemento aos días de confinamento para completar a súa formación e aprender cousas novas.

Tamén se programaron novas actividades, como un curso de Iniciación á cata on-line, impartido por Isabel Lozano Verdes, xerente de Vinissi, que dá comezo o luns 13 con 20 matriculados.

E unha actividade gratuíta que se imparte dende Foz, por parte de tres expertos en nutrición desta localidade, que se titula Alimentación Saudable en tempos de confinamento, que xa conta con 122 estudantes matriculados. Celebrarase os días 15, 16 e 17 de abril e aínda está aberto o prazo de matrícula que pode realizarse on-line no seguinte enlace.https://extension.uned.es/actividad/idactividad/22284

Con iso, a UNED trata de implicarse no benestar dos cidadáns nestes tempos de confinamento e de contribuír ao terceiro ODS (Saúde e Benestar), un dos obxectivos principais do seu proxecto #Naturalmente.

As pasadas semanas a UNED de Lugo puxo en marcha dúas novas iniciativas:

  • Compartir en aberto dúas actividades de extensión universitaria vinculadas ao proxecto #Naturalmente. Concretamente, as actividades: Fogares Verdes e Xornada ODS.
  • A creación dun espazo na súa Web para ofrecer a toda a comunidade universitaria un punto de encontro para a información que inclúa recomendacións, consellos, propostas formativas gratuítas e no que se visibilicen ademais outras propostas educativas que están a xurdir.

Tamén continúan outras iniciativas como #PlanetaODS (https://www.instagram.com/unedlugo/), enmarcada no proxecto #Naturalmente. Consistente en achegar á cidadanía efemérides vinculadas ao noso planeta, o desenvolvemento sostible e a posta en valor do noso patrimonio natural.

Ademais estudantes, PAS e profesores/ás do Centro participan activamente na campaña organizada pola UNED #SomosUNEDdesdecasa

Todo este labor non sería posible sen o traballo e dedicación de todas e cada unha das persoas que formamos parte do equipo deste Centro asociado. A nosa intención é, e seguirá sendo, dar o mellor de nós mesmos para garantir que, estean onde estean os/as nosos/ás alumnos/ás, poidan manter a súa actividade académica, proporcionándolles ademais a través da nosa páxina web un servizo de información, con consellos, recomendacións e propostas educativas dirixido non só a esta comunidade universitaria senón tamén a toda a cidadanía.

O compromiso da UNED, ao que se une o Centro asociado á UNED en Lugo, esténdese máis alá desta Universidade mediante unha iniciativa do Ministerio de Universidades e a CRUE, en colaboración coa UNED e a UOC, para a creación dun portal de recursos para a aprendizaxe non presencial, o que reflicte a achega que esta Universidade está a facer para contribuír a que, en situacións como esta, todos/ás os/ás estudantes, desta ou outra Universidade, ou en calquera outro nivel educativo, poidan seguir adiante coa súa formación.

A UNED de Lugo non parou este mes e seguirá acompañando os lucenses porque #SomosUNEDdesdecasa