A UNED de Lugo impartiu un taller de emerxencia climática no IES lucus Augusti

A UNED de Lugo impartiu no IES Lucus Augusti unha actividade de divulgación ambiental co alumnado de 1º de Bacharelato de Excelencia de Ciencias e Tecnoloxía.

11 estudantes do Bacharelato STEMbach do IES Lucus Augusti formáronse en materia de emerxencia climática nunha actividade teórico-práctica impartida por Ana Traseira, directora da UNED e do proxecto #LugoNaturalMente, e por Paula Fernández, bióloga ambiental da universidade lucense.

A actividade comezou cunha conferencia sobre a emerxencia climática na que nos atopamos, repasando as principais causas e consecuencias da crise ambiental co fin de concienciar ao alumnado.

Seguindo a mesma liña, na segunda parte realizaron unha análise química de dúas mostras diferentes de río, unha do río Miño á altura da fábrica da luz, e outra procedente do Encoro das Cunchas, en Muíños (Baixa Limia). Neste exercicio, a directora explicou os parámetros básicos para analizar a calidade dun río, como son a condutividade, o pH e a concentración de nitritos e nitratos. Mediante este exemplo, as alumnas e alumnos puideron ver in situ unha das consecuencias da emerxencia climática, a eutrofización das augas.

Para finalizar, a UNED repartiu bolsas de tea con certificación GOTS entre o alumnado como recordo da actividade.

Esta actividade realizouse con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático, un día sinalado no calendario da UNED de Lugo. Como cada ano, a universidade amosou o seu compromiso ambiental celebrando unha serie de actividades relacionadas coa emerxencia climática.